A Deputación de Lugo financia en Sarria melloras nas pistas do Chanto e un videomarcador no campo da Ribela

la voz LUGO

SARRIA

O presidente en funcións da Deputación, Efrén Castro, asinou o acordo co alcalde de Sarria, Claudio Garrido
O presidente en funcións da Deputación, Efrén Castro, asinou o acordo co alcalde de Sarria, Claudio Garrido CEDIDA

O presidente en funcións, Efrén Castro, asina un acordo co alcalde polo cal o organismo provincial inviste 283.000 euros

09 ene 2026 . Actualizado a las 17:24 h.

A Deputación de Lugo financiará actuacións de mellora nas pistas exteriores do complexo do Chanto e no campo da Ribela, en Sarria. O presidente en funcións da Deputación, Efrén Castro, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido asinaron os convenios de colaboración do investimento da institución provincial, cun importe conxunto de 283.000 euros.

A intervención do Chanto, que suporá un investimento de 243.500 euros, centrarase na renovación do pavimento das pistas de fútbol, tenis e pádel. Na pista de fútbol renovarase o pavimento, co fresado do actual e a extensión dunha nova capa, e melloraranse os peches de rede nos fondos e a instalación de portas peonís e de entrada para maquinaria de mantemento.

Nas dúas pistas de tenis, o convenio contempla a reparación das zonas deterioradas e aplicación dunha imprimación que facilite a permanencia da pintura, que tamén se renovará. Ademais instalaranse redes novas. Na pista de pádel, prevese a limpeza e corrección de imperfeccións do pavimento e o lavado e pintado das paredes.

Por outra parte, a Deputación financiará con 40.000 euros a instalación dun videomarcador exterior no campo da Ribela. Incluirá unha pantalla led, un ordenador de control e un Software multimedia, adaptado as esixencias técnicas e regulamentarias da competicións federadas.

Efrén Castro destacou a relevancia económica das actuacións e tamén a súa repercusión social e no tecido deportivo de Sarria, xa que, lembrou, «se actuará en dúas infraestruturas fundamentais para a actividade deportiva e de lecer na vila».

Respecto do complexo do Chanto, Efrén Castro explicou que «se trata dunha actuación global, que mellorará de forma integral un espazo moi utilizado pola veciñanza, especialmente na época estival». Tamén valorou a instalación do videomarcador na Ribela, subliñando que «a situación deportiva da Sarriana, converte a Ribela nunha carta de presentación para Sarria».