Camiña Sarria pide á oposición que elabore en conxunto unha proposta para a taxa do lixo

LA VOZ LUGO

SARRIA

La modificación de la ordenanza se debatió en un pleno extraordinario la pasada semana
La modificación de la ordenanza se debatió en un pleno extraordinario la pasada semana Manuel Guede Lamas

O equipo de goberno lamenta o «bloqueo» por parte dos grupos do PP, do PSOE e do BNG, «que votaron en contra da nova ordenanza da taxa do lixo sen presentar nin unha soa alternativa»

11 nov 2025 . Actualizado a las 20:54 h.

O grupo de goberno de Sarria, Camiña Sarria, lamenta «o bloqueo absoluto da oposición, que votou en contra da nova ordenanza da taxa do lixo sen presentar nin unha soa alternativa». Aseguran que durante semanas houbo «vontade real de diálogo e negociación», e que presentaron modificacións para intentar un acordo que garantise o cambio dos contedores e a mellora do servizo, «sen que ningunha delas fose aceptada nin se presentasen outras propostas».

«Con este bloqueo, Sarria queda atrapada ata 2027, sen posibilidade de sacar a licitación o novo contrato nin de renovar os contedores», din. E recordan que «o contrato actual, de 2005, leva cinco anos vencido e sostense cun servizo deficiente e ineficiente, con contedores rotos, desfeitos e impropios dunha vila como a nosa».

Ademais, explican que o grupo de goberno fai un chamamento aos tres grupos da oposición «para que, xa que consideran que a proposta presentada non é axeitada, sexan eles quen elaboren unha alternativa conxunta». «O goberno comprométese por responsabilidade a absterse para permitir que saia adiante se os tres grupos logran poñerse de acordo entre eles», afirman.

«Nós fixemos propostas, abrimos negociacións e ofrecemos cambios. Agora é a súa quenda: se teñen un modelo mellor, que o presenten. O que non se pode é bloquear e quedar de brazos cruzados mentres Sarria se afunde entre contedores rotos», conclúe o grupo de goberno.

Este xoves, nova campaña

O Concello presentou a nova campaña de compostaxe doméstica, coa que busca fomentar a correcta xestión dos biorresiduos nos fogares e promover prácticas máis sostibles nos municipios. A primeira entrega de composteiros terá lugar este xoves, 6 de novembro, ás 18.00 horas na Casa da Cultura, nunha sesión informativa.