José García, medio século de sacerdote en Samos e Sarria: «Na igrexa do Rosario houbo que sacar adiante as obras e facer parroquia»

Laura López LUGO / LA VOZ

SARRIA

José García Regal foi párroco durante sesenta anos na zona de Samos e Sarria
José García Regal foi párroco durante sesenta anos na zona de Samos e Sarria Óscar Cela

O párroco recibe este sábado, día 10, unha homenaxe cunha misa e unha comida

07 may 2025 . Actualizado a las 11:54 h.

Caridade, proximidade e gran bondade. Son os tres cualificativos cos que definen ao sacerdote José García Regal (Vilaúxe, Chantada, 1939) os impulsores da homenaxe que lle farán este sábado, día 10, en Sarria. Parroquias, amigos e compañeiros quixeron ter un xesto agarimoso co cura que durante máis de tres décadas estivo á fronte de varias parroquias de Sarria (Betote, Fafián, Fontao, Vilar de Sarria e Rosario) e Samos (Reiriz, Lier e Frollais).

Ordenado sacerdote en xuño de 1964, sendo bispo Ona de Echave, as súas primeiras parroquias tívoas en Portomarín (Bagude, Sabadelle e Belaz), e despois en Samos (Teibilide e Reiriz). Anos despois, foi encargándose de novas parroquias e nomeado párroco do Rosario e arcipreste da zona de Sarria e Samos.

A homenaxe do sábado comezará ás 12.30 horas na igrexa do Rosario, cunha misa presidida polo bispo, Alfonso Carrasco Rouco, e coa participación de varios sacerdotes da zona. A continuación, sobre as 14.00 horas, terá lugar unha comida de homenaxe nas instalacións da sociedade La Unión.

—Como recibiu a nova desta homenaxe?

—Pois recibina coa emoción natural ante un acontecemento deste tipo, que sempre toca aos sentimentos. A verdade é que estou emocionado, contento e agradecido polo feito de que pensaran en min e por recibir todo este cariño.

—Cales son os momentos máis especias que recorda destas últimas décadas?

—Son tantos anos, que houbo de todo. Fixemos unha labor importante coas obras de restauración de varias igrexas e unha labor pastoral importante en Sarria. Na igrexa do Rosario, ademais, houbo que sacar adiante as obras, posto que o templo estaba en placa, e facer parroquia.

—Segue en contacto co novo párroco do Rosario, Carlos Presas?

—Exercín de sacerdote ata o ano pasado, pero aínda sigo en contacto co novo sacerdote, estamos unidos, e eu agora son maior e estou máis libre, así que colaboro no que podo.