Carlos Blanco, cómico: «É fundamental que apareza o humor desde o punto de vista das mozas»

Laura López LUGO / LA VOZ

SARRIA

Carlos Blanco volve a Sarria cos seus monólogos.
Carlos Blanco volve a Sarria cos seus monólogos. CEDIDA

O humorista galego actúa este venres en Sarria con monólogos novos e clásicos

10 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

É un dos grandes actores e cómicos galegos, cuxos monólogos forman xa parte do patrimonio cultural galego. Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959) chega este venres a Sarria dentro do festival multidisciplinar Ultreia et Suseia, cun espectáculo de monólogos novos e clásicos. O polifacético artista actuará ás 21.30 horas no Auditorio Meigas e Trasgos. As entradas están á venda en Ataquilla e no Meigallo, pero tamén se poden adquirir cun 34 % de desconto (por 9,90 euros) a través de oferplan.lavozdegalicia.es.

—Volve a Sarria un verán máis. Con ganas?

—A miña relación coa vila é espléndida, aínda que este ano estou un pouco á agarda porque a predición meteorolóxica anunciaba hai uns días tormenta, pero confío en que finalmente non haxa problemas.

—Como é o público de Sarria?

—Non é diferente ao doutros lugares. Aínda que si é certo que, como bo público de interior, é enormemente cariñoso, máis tranquilo, máis silencioso e menos expresivo, aínda que tamén lle estea gustando o espectáculo. Nas capitais é diferente, pero nas vilas de interior soe ser así.

—Que nos pode adiantar do espectáculo do venres?

—Nada [ri]. Teño cinco horas de monólogos e cada noite barálloos e tamén os vou cambiando sobre a marcha, así que non sei. É certo que sempre hai clásicos; de feito, remato con dous monólogos dos máis solicitados polo público. E, aínda así, sempre hai alguén que, ao rematar, me di iso de «faltouche...».

—Estase demandando máis humor e máis comedia?

—O público pide diversión. E, no caso deste ano, coido que hai unha «sobreoferta». Coincidiu que levaba isto dous anos parado pola pandemia, que están as actuacións do Xacobeo... e dá a sensación de que hai tanto onde escoller que o público non dá abasto. Está moi ben que haxa tanta oferta, pero quizais debería estar algo máis repartida.

—Goza de boa saúde o humor galego?

—Non sabería determinar o estado de saúde do humor galego. Pero si é certo que hai unha nova xeración de humoristas que vén con ganas. E, sobre todo, cáusame moita ilusión que haxa unha nova xeración de mozas, como Marta Doviro, Carmen Méndez e moitas outras que se incorporen á comedia. Elas téñeno máis difícil para meterse neste mundo; hai que lembrar que as escolas disto son os bares, e elas teñen que loitar contra moitos absurdos, con «babosos»... e algunhas acaban abandonando. Así que me fai ilusión ver que hai mulleres que seguen porque é fundamental que apareza o humor desde o punto de vista das mozas.

—Ten máis actuacións previstas pola provincia?

—Pois non. É que non paro. Só nesta semana teño actuación en Celanova, rodaxe en Lisboa, rodaxe en Galicia, actuación en Sarria... Tamén sigo coa xira de Somos Criminais con Touriñán, estou terminando de rodar unha serie portuguesa, despois empezarei coa segunda tempada de Rapa, gravei unha curta en Mondoñedo tamén con Touriñán, en setembro empezo unha xira de teatro por toda España con Tercer cuerpo... E en marzo do 2023 volverei actuar na Coruña e en Santiago.

—Ten moitos proxectos en marcha...

—Si, pero o que máis ilusión me fai e poñer en escena Síbaris, a única comedia que escribiu Domingo Villar. Regalouma en vida e estabamos xa traballando niso; el, ademais, ía actuar... pero faleceu e espero poder sacar adiante este proxecto e poñelo en escena no 2023.