—Sarria é un concello moi plural e con moita idiosincrasia propia. Houbo dez candidaturas con 20 candidatos. É dicir, 200 familias. É case imposible que un cidadán non teña un familiar nalgunha delas. Esta pluralidade implica unha división que é mala. Respectando sempre o que vota a xente e o dereito de todo o mundo a presentarse a unhas eleccións, é certo que ao final os resultados saen adulterados porque se perden moitísimos votos. Das dez que se presentaron, cinco non conseguiron concelleiros. Iso son moitos votos de xente que agora non está representada no concello. Un concello que aspire a ter un futuro forte, debe ter unha representación forte. Estou seguro de que nas próximas eleccións non vai haber tantas candidaturas e o reparto de concelleiros vai ser máis axustado á realidade de Sarria.
—Que diferenza ao PP das outras nove candidaturas?
—O PP promete no que queda de lexislatura un traballo necesario para ofrecer no 2023 un proxecto solvente, unido e forte. A ideoloxía e os criterios do PP son unha oferta de futuro en Sarria, Galicia e España. Defendemos o paraugas dun partido importante que está nas institucións. E ter unha sintonía total coa Xunta é fundamental para Sarria. A súa falta fai que o Concello actual perda subvencións ou nin sequera as solicite, porque está en clave independente.