A asociación de danza tradicional de Sarria que cumpre 25 anos presumindo de listas de espera

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA SARRIA / LA VOZ

SARRIA

Milagros Núñez leva 20 anos como presidenta de Peleriños, pero cualifícase como «figurante»
Milagros Núñez leva 20 anos como presidenta de Peleriños, pero cualifícase como «figurante» ALBERTO LÓPEZ

A presidenta de Peleriños, Milagros Núñez: «Agora pasámolo moi ben, pero bailamos moito mellor»

12 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Polas aulas de Peleriños pasaron centos de sarriaos e de lucenses. Á cabeza de todos este bailaríns só estiveron dous persoas nos seus 25 anos de vida: Luis Quintana e Milagros Núñez. Esta última ocupa o cargo de presidenta dende hai 20 anos, aínda así, para ela a última palabra segue sendo da creadora, xa retirada, Puri García. Non hai só un nome propio que represente Peleriños porque son unha familia e unha parte esencial da vida cultural da comarca de Sarria. O seu atípico aniversario dos 25 anos, como conta Núñez, celébrase no seu mellor momento, sendo referentes, e tamén no mellor momento do baile galego.

—Que sentiu ao pasar de bailarina a presidenta?

—Eu máis ben estou figurando porque todos colaboran. O anterior presidente tiña outros quefaceres e escolléronme a min porque era a máis constante porque me gustaba moito baile pero tamén a máis maior.

—Como foron aqueles inicios?

—Uf, moi caóticos. Había moi pouca disciplina, pero houbo un cambio abismal en todo. Ademais, empezamos sendo catro gatos e agora somos uns 90 xa.

—Cal foi esa evolución?

—Sobre todo na disciplina. Ao principio bailábamos para pasalo ben e pasar o rato, pero agora, ademais de pasalo moi ben, bailamos moito mellor. Aprendemos que para bailar hai que ensaiar. A implicación agora é total, a xente é moi responsable e non hai que andar detrás dela.

—E na propia música e danza houbo cambios?

—Evolucionou moito. A vestimenta, por exemplo, ao principio era un caos. Cada un vestíase como podía, agora cada un ten un traxe adecuado respectando o máximo a tradición. Por outra parte, construímos un elenco de profesores moi bo, buscando a máxima profesionalidade, aínda que non sexamos un grupo desa categoría. Se comparo cando eu comecei a bailar con como o fan agora... que ben bailan! Ademais, mantemos a sinxeleza de querer actuar onde sexa e pasalo ben xuntos.

—Sen a xente, Peleriños non é nada.

—Claro, totalmente. Os bailaríns están puntuais nas clases porque para actuar ben non serve chegar aos ensaios nin un cuarto de hora tarde e, á vez, dálles igual actuar en Oural ca en Polonia, o imporante é divertirnos.

—E sen Peleriños, que é Sarria?

—Sen a labor de tódalas asociacións, a Sarria non lle queda case nada. Nós estamos abertos a participar sempre en tódalas actividades do pobo.

—Que momentos destacaría destes 25 anos?

—Unha festa que lle fixemos a Pura porque foi unha festa sorpresa con toda a xente que pasou por Peleriños, foi a máis sentimental. E outra xuntanza polos 20 anos, moi entrañable e con moitísima xente.

—Xa debeu pasar máis dunha xeración por Peleriños.

—Si, así é, o baile tradicional é unha educación que se mantén no tempo e ademais a asociación é moi familiar. Aínda que a mocidade duns 18 anos sexa maioría, hai xente de tódalas idades. Hai persoas duns 80 anos en clase de gaita e tamén cativos de catro ou cinco anos, para os que temos xa lista de espera.

—Así que hai canteira.

—Si, a verdade é que para as clases dos pequenos temos que ir buscando ocos porque a profesora ten unhas horas limitadas. Como algúns nenos ás veces próbano pero non lles gusta, vamos chamando aos novos. Son tamén uns dos que máis viven a asociación. Cando volvemos despois da pandemia, aquilo foi unha festa. Tiñamos que recordarlle constantemente que non se podían abrazar.

—Esperades seguir crecendo?

—Dende que eu estou en Peleriños, este é o noso mellor momento. Aínda que en Sarria tamén está Meigas e Trasgos, esencial para a vida do pobo, pero sen tanta actividade coma nós, e no resto da comarca hai algún grupo de danza, creo que nós somos referente, o que ten máis relevancia.

«No inicio éramos todo rapazas e agora a metade son homes, rompemos prexuízos»

A presidenta de Peleriños implicada dende sempre coa música e o baile tradicional, tamén observa con ledicia o crecemento destas disciplinas en Galicia, tanto no interese das novas xeracións como co nacemento constante de novos grupos case en cada concello. En Sarria, concretamente, a asociación forma parte dunha imporante rede musical de diferentes tipos.

—Notou un cambio no interese polo tradicional?

—Nestes 25 anos creceu moito, agora está un gran momento. Eu non recordo outro tempo no que houbera tantos grupos de música tradicional. Actualmente en cada concello galego hai un grupo de xente que está polo menos aprendendo, tanto de xente nova como de persoas que se xuntan pasado o tempo. Cando eu era moza éramos contados e todas rapazas.

—Era unha disciplina máis practicada por mulleres?

—Si, cando comezou Peleriños eramos todo mulleres excepto un home. Agora somos metade e metade, iso tamén fai que melloremos. Antes os nenos apuntábanse a fútbol, o típico, o baile parecía non ser para eles. Pero rompéronse con eses prexuízos.

—Agora o tradicional tamén se mestura con ritmos urbanos.

—Eu son moi partidaria, tamén por gustos, do puramente tradicional, e así é Peleriños. Pero para nada descarto os grupos que mesturan movementos, especialmente porque tamén é signo de que a xente nova segue tendo interese. Pola miña parte, estou contenta de que exista unha gran vontade de manter o tradicional porque forma parte do noso patrimonio. Así que estou moi orgullosa da labor de Peleriños e co que aporta na comarca de Sarria para que a cultura galega siga viva.