A Academia Galega lembra a Xela Arias no colexio onde estudou de nena

Víctor F. Freixanes e Fina Casalderrey presentaron no CEIP Sárdoma-Moledo o programa escolar Primavera das Letras


Vigo

A Real Academia Galega abriu oficialmente en Vigo os actos vencellados co Día das Letras Galegas, que este ano está adicado a Xela Arias. Foi no CEIP Sárdoma-Moledo, o centro onde estudou a escritora e traductora nada en Sarria. Ata este centro desprazáronse o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e a académica Fina Casalderrey.

O primeiro acto do Día das Letras ten aires de futuro porque consistiu na presentación do proxecto Primavera das Letras, dirixido ao alumnado de infantil e primaria. Previamente, descubriuse unha placa de homenaxe do centro educativo á autora.

«Para a Real Academia Galega, este encontro de presentación da Primavera das Letras, que facemos todos os anos cos rapaciños e rapaciñas que están descubrindo o mundo, as palabras e tamén a significación da literatura, é unha festa», expresou o presidente da Real Academia Galega durante a sía intervención. «Nesta ocasión a figura de Xela Arias convoca todo o cariño, toda a sorpresa, toda a alegría que ten sempre a palabra da poeta nas novas xeracións, que son unha sementeira de esperanza», engadiu Víctor F. Freixanes.

 A Real Academia Galega mantén a web primaveradasletras.gal dende o ano 2016 co apoio da Deputación da Coruña. A que é xa a sexta edición arrinca cunha ficha biográfica sobre Xela Arias e unha actividade interactiva sobre Vigo. A estes contidos sumaranse nas vindeiras semanas outras propostas para achegarlles aos nenos e nenas o mundo da poesía, da edición e da tradución a través da obra da protagonista das Letras Galegas 2021; e tamén para coñecer a súa Sarria natal, o seu compromiso co coidado ambiental ou a súa afección pola música, explicou Fina Casalderrey. O proxecto completarase co concurso Contádenos o voso Día das Letras, aberto aos centros de infantil e primaria. A académica expresou a súa satisfacción polo incremento paulatino de participantes en cada edición, mostrou o seu desexo de que esta progresión continúe e animou a todos os colexios a compartir a través deste certame as homenaxes e os traballos que lle dediquen a Xela Arias.

 Fina Casalderrey agradeceu ademais a presenza no acto da familia da homenaxeada e a excelente acollida do colexio de Sárdoma-Moledo. A celebración contou con Amparo Castaño, nai da autora; o seu fillo, Darío Gil Arias; e os seus irmáns Lois, Marcos e Xoán. Lois Arias Castaño agradeceu tamén en nome da familia o recibimento da comunidade educativa de Sárdoma-Moledo, onde estudaron os cinco irmáns. «Temos moi bos recordos neste colexio, onde pasamos a infancia. Da nenez sempre hai boas lembranzas, pero é que ademais este colexio é moi bonito, está en Vigo pero nunha zona aberta, no medio da natureza», gabou a académica.

Placa de recordo no patio

O colexio recordará tamén en diante para sempre que Xela Arias foi parte del, como sinala a placa que se descubriu no patio momentos antes de comezar a presentación de Primavera das Letras. «No CEIP Sárdoma-Moledo estamos moi orgullosos de que Xela Arias sexa a persoa homenaxeada das Letras Galegas 2021. O seu pai, Valentín Arias, tamén foi mestre da nosa escola durante moitos anos polo que estamos dobremente contentos», expresou a directora do colexio, Pilar Vila Nieto. «Ambos os dous fixeron unha firme defensa da escola pública, da igualdade, do respecto polo medio ambiente e do noso idioma. Estamos seguros de que os nenos e nenas que hoxe temos nas nosas aulas tamén serán persoas que loiten, cada unha á súa maneira, por facer un mundo mellor», concluíu.

 A inauguración de Primavera das Letras contou coa colaboración dunha representación de alumnas e alumnos do colexio, que representaron distintos momentos vitais de Xela Arias e lles puxeron voz a varios dos seus poemas. Parte deles pertencen a Darío a diario, o libro que a poeta dedicou ao seu fillo. Hoxe Darío Gil Arias pon en valor no marco deste proxecto o labor da súa nai como profesora e tradutora, dous perfís menos coñecidos que a súa faceta como poeta, pero tamén moi importantes para o futuro do idioma, expón no vídeo de presentación de Primavera das Letras. «Son os profesores os que moitas veces fan que a cultura penetre nos rapaces e, deste xeito, non só non se perda senón que se comece a recuperar, como estamos a ver agora cos neofalantes», reflexionou.

 

Aposta polo audiovisual

A oferta de contidos dixitais arredor das Letras Galegas de Xela Arias incluirá propostas audiovisuais que poderán verse proximamente nas redes sociais da RAG e na sección das Letras Galegas de academia.gal. Neste espazo xa están dispoñibles a biografía da homenaxeada que asina a académica Ana Romaní, entrevistas ?unha delas a Amparo Castaño?, e unha galería de retratos de Xela Arias realizados por Xulio Gil, entre outros contidos.

Primavera das Letras fornecerá os nenos e nenas de recursos lúdicos e didácticos arredor da vida e a obra de Xela Arias dende a páxina web primaveradasletras.gal. A presentación desta iniciativa que a Real Academia Galega desenvolve co apoio da Deputación da Coruña tivo lugar nas vésperas do aniversario da autora, nada o 4 de marzo de 1962 en Sarria. Tras vivir nese concello e despois, en Lugo, Xela Arias estableceuse coa familia en Vigo, a cidade onde viviu dende os sete anos ata o seu pasamento en 2003.

A nova edición de Primavera das Letras súmase á oferta dixital da páxina web institucional da RAG, onde está activa dende xaneiro a sección das Letras Galegas 2021. Este espazo en permanente actualización ofrece xa a biografía da homenaxeada que asina a académica Ana Romaní, entrevista _unha delas a Amparo Castaño, nai da autora_, e unha galería de retratos de Xela Arias realizados por Xulio Gil, entre outros contidos. Esta fiestra virtual dará tamén acubillo a propostas audiovisuais sobre a poeta e tradutora que serán presentadas proximamente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A Academia Galega lembra a Xela Arias no colexio onde estudou de nena