Xosé Luís Mosquera Camba gaña o Premio Fiz Vergara Vilariño

La Voz LUGO

SARRIA

O xurado do certame poético elixiu por unanimidade a obra «Parhelio»

21 dic 2020 . Actualizado a las 09:38 h.

Xosé Luís Mosquera Camba, coa súa obra «Parhelio» gañou o XX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Así o acordou na súa reunión telemática o xurado, por unanimidade, que estivo formado por Emma Pedreira, María Lado e Charo Lópes, actuando como secretaria a presidenta da A.C. Ergueitas, María Casar, e como presidenta a concelleira de Cultura de Sarria, Reyes Abella.

O xurado destacou que a obra gañadora conta con moita coherencia interna, mestura moitos xéneros e referencias, é moi sensorial e con moito ritmo: «Un poemario moi traballado, coidado con atención e riqueza lingüística. Ten un xogo de cambio de perspectivas no eu moi interesante e unha carga retórica ampla e consistente. Unha obra que presenta unha poesía ruturista na que se valora a apertura dunha liña de traballo anovadora enriquecida cunha prosa poética que rompe o uso máis clásico do verso e mergúllase na oralidade. Destaca a referencia a outras disciplinas artísticas, sobre todo á música. Unha obra cunha plástica moi poética e moi ben definida e con certo sentido do humor. Valorouse tamén o emprego de imaxes moi sostidas ao longo de todo o poemario como as dos cabalos ardendo, os bisontes... que transmiten forza e sonoridade. O autor propón ao lector unha participación activa», explicaron.

Por outra banda, as poetas que formaron o xurado destacaron a altísima participación que se acadou nesta edición tan distinta pola situación sanitaria e o alto nivel das obras presentadas.