Oswaldo Digón: «A miña relixión é a comedia, pero mentres non me decatei diso, vivín outras»

Laura López LUGO / LA VOZ

SARRIA

Oswaldo Digón actuará en Sarria este sábado
Oswaldo Digón actuará en Sarria este sábado

O actor e cómico ofrecerá este sábado un espectáculo de humor en Sarria, no que reflexionará sobre esta nova realidade

13 ago 2020 . Actualizado a las 19:58 h.

Unha noite de bo humor é o que asegura o espectáculo Anecdoloxía 2.0, que o actor e cómico Oswaldo Digón (San Román de Cervantes, 1975) presenta este sábado en Sarria. Farao dentro do ciclo cómico e cultural Sarria Sorrí, que promove a produtora Etiqueta Negra. A actuación terá lugar ás 22.30 horas no Meigallo, de balde, pero con invitación.

O teatro, a comedia e os guións son a especialidade de Oswaldo Digón, que participou, entre outros proxectos, en As noites do Club da Comedia, no teatro Rialto de Madrid e no teatro Condal de Barcelona, en Diálogos en 3D (catro tempadas en cartel no teatro Villarroel, Barcelona) , Xente Triste (dúas tempadas no Teatro Muñoz Seca, Madrid), ou como director e actor do espectáculo de improvisación Coleccionistas. Na actualidade traballa tamén como actor e creador xunto a Carlos Blanco no espectáculo de comedia Quen dixo medo? O sábado chega a Sarria, e faino animando ao público a gozar coa cultura e a comedia, convencido de que «a cultura é totalmente segura».

-Como será o espectáculo que presenta en Sarria?

-Será un monólogo no que contarei as historias da miña vida, como estou vivindo esta situación. É como unha presentación da realidade na que convivo, desde un punto intermedio entre como penso eu e como pensan os demais. Falarei desta nova situación, dos rumores que circulan sobre o que pasa... E tamén retomo textos de Anecdoloxía, nos que falaba do meu pai, das historias doutra xeración. Tamén incorporo as miñas experiencias... porque a miña relixión é a comedia, pero mentres non me decatei diso vivín outras.

-A inspiración para escribir os textos vén da propia realidade?

-Si, e a propia bagaxe vital permíteche ter os ollos ben abertos ao que pasa, a esa realidade, referíndome con iso ao que temos ao noso arredor, ao que pisamos.

-Como é actuar nesta «nova normalidade»?

-É superagradecido. Hai que ter en conta que asistir a un espectáculo cultural, con todo o que conleva, quere dicir que che ten que gustar moito, que tés moitas ganas de ir. O mantemento das distancias e o uso de máscara é obrigado, ademais de moitas outras medidas, polo que na actualidade asistir a un espectáculo cultural é moi seguro, e aínda máis tratándose dun monólogo ou dunha representación teatral, onde o público está sentado. Así que para nós, como artistas, é un agasallo que o público veña a vernos, que goce e se reafirme en que son seguros os espectáculos culturais. No caso de Sarria, ademais, a onde non vou desde hai un par de anos, é un luxo poder actuar porque está todo moi ben coordinado por Etiqueta Negra.

-Resúltalle raro actuar ante un público con máscara?

-Resulta estraño ver á xente con máscara, pero iso non inflúe para sentir igualmente a súa calor. No teatro, cando estás enriba dun escenario, tampouco ves ao público, porque os focos están dando luz aos actores, e porén sentes igual a enerxía da xente. Iso non quita para que sexa raro, a min chámame moito a atención o de levar gomas nas orellas, o ser humano non está deseñado para levar iso [risas]...

-Está situación está obrigando a interpretar máis as miradas...

-Si [risas]. É unha situación á que nos estamos acostumando todos. Resulta curioso que a veces te cruzas pola rúa con algún amigo e non o recoñeces porque leva media cara tapada, o que nos leva a concluír que moi pouco nos fixabamos antes en como era a xente [risas]. Así que temos que botar man da imaxinación, fixarnos noutros detalles, a forma de camiñar... e agora, tamén, detalles relacionados coa máscara, se a soe levar torta, cun deseño concreto [risas]...

-En que outros proxectos está traballando?

-Na segunda quincena de agosto comezarei cun proxecto audiovisual sobre o achegamento entre xeracións nos Ancares, titulado «Do X ao Z». Tratarase dunha peza audiovisual pequena, duns doce minutos, nos que farei un percorrido pola montaña lucense, á que chamo «A Comarca», en alusión ás historias do Señor dos Aneis, e tratarei de achegar distancias xeográficas e xeracionais. Ao mesmo tempo, continúo con outros traballos, como Quen dixo medo?, con Carlos Blanco, ou Carbón.

As invitacións poden recollerse de balde

Aínda que as entradas son de balde, para asistir é necesario contar cunha invitación. Pódese adquirir nos establecementos colaboradores (Adarve, Casino, El Parisien, O Meigallo, Travesía dos Soños ou Tucán), solicitando gratis a tarxeta Sarria Sorrí. Deste xeito, con cada consumición feita ata o día 15 (inclusive) recibirase un selo na tarxeta, e con dous xa se pode pedir a invitación, no propio establecemento. Darase unha por tarxeta selada, ata completar o aforo.