Sarria énchese de humor todo o verán

Laura López LUGO / LA VOZ

SARRIA

Álex Clavero actúa o xoves 23 no Meigallo
Álex Clavero actúa o xoves 23 no Meigallo

O xoves 23 actuarán Álex Clavero e Quique Matilla

18 jul 2020 . Actualizado a las 14:30 h.

Sarria encherase de humor co novo ciclo de funcións teatrais de comedia, o Sarria Sorrí, organizado por Etiqueta Negra Producciones e co Concello de Sarria como patrocinador institucional. A programación mestura grandes figuras da comedia nacional con recoñecidos artistas galegos. A programación terá lugar ata o 20 de agosto, en emprazamentos clave do patrimonio cultural da vila, como a Praza de Santa Mariña ou o antigo campo de rugbi no parque de O Chanto, ademais de O Meigallo.

Estes eventos culturais terán lugar ao aire libre, con todas as medidas hixiénico-sanitarias pertinentes e «os mellores humoristas para facernos ver que, a pesares dos problemas, na nova normalidade tamén se pode sorrir. Ademais, pretende contribuír á configuración dun fondo de contidos creativos de interese cultural e artístico, lingüístico e turístico na nosa comunidade, potenciando Sarria como unha parada obrigada do Camiño de Santiago», segundo explican os organizadores.

«Quixemos colaborar na volta á normalidade sen descoidar a seguridade dos nosos artistas e o noso público. O esforzo para conseguir isto foi enorme e faremos todo o posible para que a experiencia sexa o máis satisfactoria posible, tentando compensar a falta de comodidades dun teatro con servizo de bar seguro que ademais potencie o consumo local», continúan desde Etiqueta Negra Producciones.

A programación prevista para os próximos días, tralo estreo con Leo Harlem e Eva Soriano, é a seguinte:

· 23 de xullo. Álex Clavero e Quique Matilla. O Meigallo, 21.30h. Espectáculo de balde. Reserva de entrada obrigada.

· 1 de agosto. Pablo Meixe. Parque de Santa Mariña. 22.00h. Espectáculo de balde. Reserva de entrada obrigada.

· 7 de agosto. Alberte Montes. O Meigallo, 22.00h. Espectáculo de balde. Reserva de entrada obrigada.

· 15 de agosto. Oswaldo Digón. O Meigallo, 22.30h. Espectáculo de balde. Reserva de entrada obrigada.

· 20 de agosto. David Amor. Parque de Santa Mariña, 21.00h. Espectáculo de balde. Reserva de entrada obrigada.