Renace o grupo folk Xanzá en plena pandemia

Laura López LA VOZ / LUGO

SARRIA

O confinamento e a creatividade dos músicos sarriáns levounos a traballar xuntos trece anos despois de abandonar os escenarios

19 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Confinamento e creatividade aliáronse para que, en plena pandemia, un novo grupo vise a luz: Xanzá. Esta banda folk nacera en Sarria no ano 2003 e estivera en activo ata o 2007, momento en que os compoñentes se separaron para seguir as súas carreiras profesionais, tras ser finalistas en dúas ocasións no Certame Folk de Radio Obradoiro e gañadores do Concurso Festival da Terra e da Lingua. Porén, o confinamento volveunos reunir virtualmente e xa levan dous temas gravados e compartidos en redes, cunha grande acollida por parte do público.

Un dos músicos sarriáns, Borja López, explica que a idea xurdiu de forma espontánea: «Estivemos falando entre nós de que había que facer algo desde a casa e animámonos. Agora cos móbiles é máis sinxelo, antes as gravacións eran máis difíciles», sinala. Primeiro animáronse cunha Muiñeira de Cabana, pero ante o éxito e a proximidade das Letras Galegas, decidiron lanzarse coa Sementeira, que compartiron nas redes sociais o domingo. Recoñece que a gravación deste segundo tema foi máis laboriosa e implicou a moitos familiares e amigos; ademais, foi gravada desde as súas casas en Sarria, Córdoba, Monseiro e A Coruña.

A acollida deste novo proxecto musical está sendo moi boa, e os músicos están cada vez máis cómodos con esta iniciativa. Tanto é así que o proxecto non quedará en colaboracións puntuais, senón que Xanzá renaceu e o máis probable é que volva aos escenarios. Polo momento, dentro duns días comezarán a traballar noutro tema para gravar desde as casas.

Os músicos que están dando vida a esta nova etapa de Xanzá son Ismael García, David Páez, Carmen López, Andrea Seijo e Borja López, con frautas, gaitas, percusión, guitarra, piano e voz. Todos eles son de Sarria, un gran viveiro de músicos: «É un fenómeno raro o de Sarria, porque é certo que hai moita vida musical. Pode ser que se deba a que hai moi boa canteira. Eu comecei de neno na Banda, e había moitos máis nenos, e moito interese da xente en que os cativos aprendesen música», comenta López.

En canto ao futuro do sector, López recorda que «o mundo da música sempre foi complicado» e, a pesar da incerteza que hai, móstrase optimista: «A xente ten ganas de saír desta e ten ganas de música e de saír á rúa. Haberá que idear novas fórmulas, e xa están xurdindo ideas para facer actuacións adaptadas ás circunstancias, pensando nas terrazas, por exemplo», continúa.