«Eu traballo dende a alma e o corazón»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

SARRIA

Óscar Cela

O fotógrafo Toño de López, que vive en Sarria e naceu en Pacios (O Incio) ofrece unha mostra que fala do seu lado máis persoal e tamén dos seus recordos

15 feb 2020 . Actualizado a las 20:01 h.

Toño de López é un fotógrafo de Sarria que acaba de inaugurar unha mostra na recén inaugurada galería fotográfica Vieiros, situado na Rúa Nova. A exposición é un conxunto de retratos que falan da faceta máis persoal deste fotógrafo que, aínda que vive en Sarria, naceu en Pacios (O Incio). Todos os cadros están á venda.

-Dende cando é fotógrafo?

-Dende hai moito, pero profesionalmente dende o ano 2010. Vivo de encargos, pero artisticamente é imposible. Tamén teño un pub en Sarria. De formación, estudei Belas Artes en Pontevedra.

-Como concibe a fotografía?

-Eu traballo moito dende a alma e o corazón, apelo aos sentimentos.

-Que é o que expón na galería Vieiros?

-Neste caso, o traballo fotográfico é un resumo de algo moi persoal. Son uns 20 retratos de veciños que vivían en Pacios, na aldea do Incio na que me criei.

-De onde vén esta idea?

-É un proxecto que fixen no ano 2011. Foi un agasallo a meu pai, que faleceu no 2003. Son retratos da xente coa que traballou, os seus e os meus veciños. Disto fíxose ata un documental que se mostrou conxuntamente coa miña obra e que fala de todo aquilo que non contan as fotos.

-Esta non é a súa primeira exposición.

-Expuxen no MIHL con cinco compañeiros e artistas máis e agora coñecín hai pouco a Alfredo, aos seus socios e a galería Vieiros. Esta exposición estará dispoñible ata o día 11 de febreiro e, aínda que son unha persoa pesimista, agardo que guste.