Despedida dos irmáns franceses en Sarria

Ana l. cillero / m.c. SARRIA / LA VOZ

SARRIA

Cedida

Os bretóns chegaron o día 19 para realizar diversas visitas e marcharon onte

25 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O paso do tempo non puido con esta relación que une a sarrianos e a bretóns. A Irmandade Sarria-Guerlédan segue patente 21 anos despois.

Desta vez, Sarria foi o punto de encontro para estes irmáns. E si, dicir irmáns non resulta esaxerado porque despois de tanto tempo só lles queda compartir lazos de sangue.

Cada ano vanse turnando, un ano van os sarrianos e outro ano veñen os bretóns. Desta vez chegaron ao concello un total de 36 persoas «contando con dous alcaldes e un músico», sinalaba a presidenta da asociación Irmandade Sarria-Guerlédan, María Beatriz Arias López. Ela mesma explicaba que «este ano achegáronse cinco parellas novas que nunca viñeran, sobre todo atraídas polo Camiño de Santiago e tamén tres ou catro homes e mulleres que viñeron de maneira individual tamén por primeira vez».

A dinámica da visita consiste en que os bretóns se aloxen nas casas dos sarrianos para coñecer a comunidade autónoma dunha maneira diferente. «Queremos que a xente se anime porque lle gusta coñecer lugares e pasar tempo coa xente», explicaba a responsable da asociación mentres engadía que o bonito tamén era «ir á casa da xente e saber como en realidade é a vida aquí».

Este intercambio arrancou no ano 1998 para potenciar a cultura, lingua e sistema económico de ambas zonas, así como contribuír á «Europa dos pobos». Agora, para levalo a cabo contan co apoio do Concello e da Deputación de Lugo, concretamente da área de Medio Ambiente Terras do Miño, que lles axuda a realizar actividades que «axudan a que todos aprendamos, tanto os de aquí como os de fóra», indicaba Beatriz Arias.

Chegaron o día 19 pola tarde e os días seguintes realizaron diversas visitas: Ribeira Sacra, Costa da Morte, Santiago de Compostela e Terras do Miño con paradas en parques eólicos, cascadas, cascos históricos e miradores, entre outras moitas.

O vindeiro ano que veñan os bretóns será ano Xacobeo, co cal xa contan con previsións. «Faremos algo relacionado co Camiño, evidentemente, pero tamén seguiremos realizando actividades relacionadas coa Reserva da Biosfera», incidía a presidenta da asociación.

A xente marchou onte contenta, asegurando que «queren volver». O programa, explicaba Beatriz, «cumpriuse ben».

Dende a asociación Irmandade Sarria-Guerlédan queren seguir con esta iniciativa e lograr que mova cada vez a máis xente que se implique, como funcionou todo ata o de agora.