«Calquera pequeno xesto pode axudar a mellorar o planeta»

VERÓNICA COUTO CARBALLO / LA VOZ

SARRIA

ECOVOZ | ENTREVISTA | Dende o instituto de Sarria levan a cabo diferentes programas destinados a mellorar o día a día no centro. Fala Sonia Cantalapiedra, vicedirectora do centro 

18 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O instituto Xograr Alfonso Gómez é un centro educativo situado en Sarria (Lugo) que está moi implicado no coidado do medio ambiente. Nel levan a cabo un amplo número de iniciativas relacionadas con este e outros temas importantes.

-¿Como é o compromiso do IES co Medio Ambiente?

-Levamos un tempo intentando sensibilizar tanto ao alumnado como ao profesorado, a toda a comunidade educativa, con respecto ao coidado do medio ambiente e a reciclaxe. Cremos que calquera pequeno xesto pode axudar a mellorar o planeta e hai que empezar polo máis cercano, as instalacións e o entorno do centro, xa que aquí pasamos moitas horas e todo o que melloremos vai redundar positivamente na nosa convivencia.

-Ata teñen un concurso, Coidemos o noso centro.

-Dentro de Coidemos o noso centro temos un concurso de Aulas limpas, lanzámolo o ano pasado por primeira vez para as aulas da ESO e contamos coa colaboración do persoal de limpeza do centro. Basicamente consiste en valorar día a día -as limpadoras- o estado de cada aula, como están de ordenadas, de limpas. Ao final de cada trimestre hai unha puntuación e as tres aulas que se comprometeron máis nesta iniciativa teñen uns agasallos. A final de curso hai un premio final. Resultou moi ben polo compromiso, pola melloría que se vai conseguindo e con moita implicación de todos. Temos para isto a axuda de Sogama, que nos deixou os agasallos.

-No día a día do centro con pequenas cousas tamén se vai inculcando aos alumnos a necesidade de coidar o entorno...

-Si, iso tentamos entre todos. Por exemplo, levamos dous anos lanzando pequenas campañas, campañas nos vídeo-monitores do centro nos que se dá información e se sensibiliza sobre os efectos do cambio climático. En canto de campañas concretas: falamos sobre o consumo responsable de auga, por exemplo, informando sobre os xestos que podemos facer tanto no fogar como no centro para aforrar. Tamén sobre aforro enerxético, onde demos bastante información sobre cales son os aparellos eléctricos que máis consumo teñen e tamén poñendo cartelería nos interruptores para que todos se lembren de apagar as luces cando saen. Temos ademais unha campaña sobre papel, con mensaxes bastante chamativas tanto nas impresoras como nas conserxerías para concienciar da importancia do seu aforro, dando consellos sobre o que se pode evitar coa reciclaxe ou imprimindo o menos posible, aproveitando as dúas caras do folio... Pequenas cousas que pouco a pouco fan que nos sensibilicemos máis sobre a importancia de coidar o noso entorno. Tamén o ano pasado fixemos a campaña de Todo o que se enchufa recíclase: os rapaces trouxeron da casa secadores estragados e ata un microondas que tivemos que levar a unha tenda da nosa vila para o seu reciclado. Pequenos xestos que ao final son información que queda aí e que vale para o futuro. A finalidade é ter un centro máis saudable, e nótase.

«Todos os proxectos repercuten positivamente na convivencia»

Dende o IES Xograr Alfonso Gómez non só realizan accións relacionadas co medio ambiente.

-Tamén realizan dende o centro outras accións encamiñadas, por exemplo, a solidariedade.

-Si, temos unha que xa é tradicional, cando se aproxima o Nadal na última semana lectiva hai unha campaña de doazón de libros, poténciase dende a biblioteca. Despois cédese todo o recollido para Cáritas, algún ano fíxose con vídeos e outros con cedés de música, con xoguetes, con alimentos... Variouse cada ano, pero ten moi boa acollida entre o alumnado e resultou moi ben. Tamén nesa liña temos en marcha unha Rede de Alumnos Solidarios, buscando a mellora da convivencia e a acollida do alumnado novo que vén ao centro. Estamos, por outro lado, nun proxecto de educación responsable no que se trata de traballar as emocións dende diferentes áreas, educación plástica, lingua e literatura e música. Todo isto repercute positivamente na convivencia do centro.

-Ademais teñen radio.

-Si, cada venres facemos un programa en directo, con música en directo, con entrevistas... Aproveitamos cando hai actividades extra-escolares ou cando vén alguén ao instituto para emitir esas entrevistas... A verdade é que é súper motivador e implícanse moitísimo os rapaces. Dá moita vida ao centro.