«Hai que recoñecer a débeda coas cineastas, sobre todo neste momento»

Carlos Cortés
Carlos Cortés SARRIA / LA VOZ

SARRIA

TOÑO LÓPEZ

O cinema feito por mulleres, protagonista na Escolma de Cinema que empeza o venres

18 feb 2019 . Actualizado a las 20:12 h.

As mulleres cineastas e os filmes que abordan a tradicións desde un punto de vista actual. Eses son os ingredientes fundamentais da cuarta Escolma de Cinema Galego, que se celebrará o venres e o sábado nesta localidade. O director do festival, Alberte branco, e a concelleira de Cultura, Mónica López, presentaron onte a programación do certame.

Nun acto que se celebrou pola mañá na Casa da Cultura, os dous animaron a veciños e foráneos a encher os locais nos se poderán ver as seis longametraxes elixidas este ano. Sobre o protagonismo do cinema feito por mulleres, Alberte Branco apunta que a actualidade fai máis oportuna que nunca esta escolla: «Hai que recoñecer a débeda histórica que existe coas cineastas mulleres, sobre todo neste momento político no que hai forzas que apostan por dar pasos atrás no ámbito da igualdade».

O programa deste ano ábrese o venres ás 22:00 horas coa proxección na Casa da Cultura dos traballos audiovisuais elaborados polos estudantes dos institutos da localidade que participaron no obradoiro impartido nas últimas semanas pola cineasta Anxos Fazáns.

O sábado pola mañá poderanse ver a partir das 12:30 horas na sociedade La Unión Caerán lóstregos do ceo, Salitre nas veas, e O Porco e o seu espírito, tres filmes do burelés Adrián Canoura con outras tantas olladas contemporáneas a mitos do mundo do mar e do campo. O recoñecemento ao cinema feito por mulleres terá o seu espazo nas tres proxeccións previstas para a tarde do sábado. Na Casa da Cultura proxectaranse a partir das 17:00 horas tres óperas primas asinadas por mulleres. Trátase de Os fillos da vide, de Ana Domínguez; A estación violenta, de Anxos Fazáns; e Trinta lumes, de Diana Toucedo.