Manuel Rodríguez: «Galicia ten unha visión superficial do que representa e nos achega o Camiño»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SARRIA

SANDRA ALONSO

Di que «ningunha outra vía espiritual, cultural ou relixiosa acumula a súa historia»

09 feb 2019 . Actualizado a las 18:16 h.

Fixo todos os Camiños, menos o Mozárabe galego, que o andará esta primavera. Antes, o próximo 16 de marzo, Manuel F. Rodríguez (Sarria, 1958) recibirá o Premio Internacional Aymeric Picaud 2019 na abadía de Samos polo seu labor de divulgación da ruta xacobea. Outorgado pola Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago, o galardón distinguiu en edicións anteriores a personaxes da talla dos italianos Paolo Caucci e Carmen Pugliese ou da coreana Kim Nam Hee. «Para min supón un enorme honor e unha grata responsabilidade. Cando un padece situacións inxustas acaba por crer só no valor do seu traballo máis propio; así que, cando chegan os recoñecementos, hai que sentir moitísimo agradecemento», segundo indica o xornalista e investigador.

Na súa mochila carga media ducia de libros, máis de cen artigos divulgativos e científicos e unha novela ambientada na ruta a Fisterra, A viaxe á fin do mundo, editada en 2015 por Bolanda. A primeira vez que fixo a ruta xacobea foi no ano 1976, conta con «orgullo de pioneiro medio indocumentado: fíxena desde Sarria, a miña vila, cun grupo de amigos. Non había sinalización ningunha. Daquela víase algún peregrino, case sempre estranxeiro. Isto e a lectura dalgún libro encheu a nosa imaxinación adolescente de paxaros e decidimos facer o Camiño. Unha verdadeira aventura na que nos pasaron moitas cousas. Quen me diría a min daquela que dezaseis anos despois acabaría traballando no Xacobeo».

Pensa que o Camiño non morrerá de éxito se as institucións, «Igrexa incluída», e o sector económico que vive del valoran o que significa historicamente e comprenden as súas evidentes singularidades. «O seu misterio -engade- estaba xa nas súas orixes medievais. As claves que impulsan o actual Camiño non son as do Xacobeo 93. O paradoxal é que o Camiño en si é o mesmo. Sempre o foi. Esta é a complexidade que estimo que se debe ter en conta cara ao Xacobeo 2021».

O experto cre que «sensibilidade» debería ser a palabra clave para o Camiño do futuro: «Só hai un Camiño de Santiago no mundo. Ningunha outra vía espiritual, cultural ou relixiosa pasada ou presente acumula a súa historia e intensidade emocional. Iso é excepcional». E lembra que, historicamente, é un itinerario de longas distancias, «é o seu ADN e así renaceu no século XX», polo que ir perdendo a perspectiva dun Camiño que veu sempre desde máis alá dos límites galegos sería abrir as portas á súa «banalización» e, en consecuencia, ao seu progresivo declive e perda de prestixio, segundo apostila.

Tamén é crítico o xornalista coa relación da cidade cos peregrinos: «Estimo que non se acaba de entender que esta é unha cidade que recibe peregrinos a pé orixinarios dos cinco continentes. Eles son o valor diferencial, o que proxecta e prestixia no mundo a esta cidade». En similar reflexión se pronuncia sobre a autonomía: «Considero que en Galicia hai unha visión superficial, poucas veces contrastada, do que representa e nos achega o Camiño». A Rodríguez séguelle admirando que, cando falas con certa intimidade cos peregrinos, sexan cales sexan as súas orixes, a maioría di non saber por que decidiu facer o Camiño. «A ver que campaña publicitaria pode con iso», conclúe.