«Chámanme de películas polos sons que recuperei»

O músico lucense presenta este sábado no Vello Cárcere o seu disco feito con instrumentos esquecidos


LUGO

Abraham Cupeiro, o músico nado en Sarria que fai resucitar os instrumentos do pasado, ofrece este sábado, ás oito do serán no Vello Cárcere, un concerto de entrada gratuíta onde ofrecerá os temas do seu xa popular disco Os sons esquecidos.

-Que o concerto sexa no Vello Cárcere faino especial.

-Creo que é un sitio ideal para facer este proxecto. Iremos sen case amplificación porque interésame que non soamente resoen os sons do pasado, senón que resoe o edificio do Vello Cárcere como un instrumento propio, que teña vida propia, porque as condicións son boas para que sexa un concerto fermoso.

-Este disco gravouse empregando instrumentos ancestrais tras unhas investigacións para recuperar pezas e sacar sons difíciles de atopar hoxe.

-Agora mesmo está moita xente de series e películas chamándome porque son sons que realmente se escapan do que estamos a acostumados a ouvir. É un proxecto como universal, que están en toda a humanidade, é á vez son da nosa terra. Por exemplo, os cornetos que toco, que eran instrumentos que se tocaban no século XVIII, fíxoos Antonio Franco, do Centro de Artesanía. A corna que atopou nun bosque de Sarria o gran Carlos Tallón, tamén soa aquí. E outros que tiven que fabricar coas miñas... Foi como unha tolemia, pero agora estamos moi contentos de que saíra todo ben.

-Cando un escoita o disco, parece que estamos nunha película de época, de romanos ou medieval.

-Si, ademais, hai parte da banda sonora que esta dedicada á Muralla de Lugo, o chamado O anel de pedra. E realmente é a primeira banda sonora que esta gravada, de temática romana ,cun instrumento realmente romano, non cunha trompa dos nosos días, senón cunha réplica dos que se atoparon en Pompeia. A sorpresa é maiúscula ao escoitala e os sons son unha marabilla.

-Es músico de vocación, inquedo... pero tamén lle dá a outros estilos, como o jazz...

-Gústame entrar en terreos que parecen pantanosos, porque a verdade o mellor que lle pode pasar a un músico é sentirse ignorante e por iso gústame tocar todos os terreos e ademais sen afán de quedar sempre como dicir que o fago de marabilla, senón coa sensación de que quero aprender. Neste tempos que corren, para min é moi importante a diversidade. Poder achegarme a outras culturas fai que sexa mellor ou menos malo como ser humano. Hai que achegarse ao que temos ao lado, ao que é diferente. É un leit motiv na miña vida.

-Caba de chegar de América.

-Tiven unha xira de concertos, estiven no Festival de Música Barroca de Costa Rica, agora iremos a tocar coa Filarmónica de Gran Canaria, logo coa Real Filharmonía de Galicia, despois iremos a Finlandia... Chámame moito a atención como nos piden actuacións desde Lugo ata fora das nosas fronteiras.

-E que a súa música é universal e integradora.

-Os músicos falamos a linguaxe máis universal do mundo. A musica é anterior a linguaxe das palabras. Estaba hai pouco en Irlanda, e tocaba cunha persoas que non falabamos o mesmo idioma, pero estábamos conectados grazas á música. Temos que conectar, empatizar, sentirnos felices coas alegrías dos demais e sentirnos aflixidos coas desgrazas dos demais.

-Un músico ten que ser sensible so do que pasa na sociedade para facer sons con beleza.

-A música é un instrumento para sacar o que tes dentro. Os artistas en xeral temos unha misión importante para sensibilizar e que a xente sexa máis empática.

-Tivo contacto cos alumnos por un programa da Deputación.

-Para min a divulgación é importante e gústame transmitir aos cativos os meus coñecementos. Foi unha aposta bonita que a Deputación me deu a oportunidade de facer e foi unha experiencia formidable. Estar cerca dos rapaces gratifica e enche de enerxías.

-Como vai a ser o concerto do Vello Cárcere?

-Aínda que as veces tocamos con orquestras, estaremos a formación que é a habitual coa que viaxamos: un cuarteto de piano, percusión, contrabaixo e eu cos ventos ancestrais. Faremos un percorrido desde o Paleolítico ata o século XIX, con instrumentos atopados en tendas, esquecidos. E terá unha chispa final apaixonante.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Chámanme de películas polos sons que recuperei»