«Existe o risco de que o PSOE rompa en dous na provincia e hai que evitalo»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

SARRIA

penoucos

Pilar López Yáñez, alcaldesa de Sarria, cre que aínda hai tempo para evitar «a sombra» dunha posible escisión electoral

18 feb 2018 . Actualizado a las 14:48 h.

Forma parte da executiva do PSdeG pilotada por Gonzalo Caballero e desde o observatorio da alcaldía de Sarria avisa de que aínda hai risco de que o partido se rompa en dous na provincia.

Pilar López Yáñez (Lugo, 1974), alcaldesa en minoría e metida nunha batalla non buscada con quen foi o seu mentor político, quere confiar en que o novo secretario provincial, Álvaro Santos, creará as condicións para que todos os sectores socialistas remen no mesmo sentido e deixa no aire esta pregunta: «¿Que imos conseguir se partimos o partido en dous?».

-Está no equipo que dirixe o PSdeG. Desde esa responsabilidade e desde a perspectiva da alcaldía dunha vila tan importante como é Sarria, ¿como ve o estado do seu partido na provincia?

-En Galicia estaba moi mal, e na provincia de Lugo, peor aínda. Agora que rematou o proceso de renovación dos órganos de dirección, espero que todos sexamos capaces de remar xuntos, ao mesmo tempo e nun mesmo sentido, para que o partido non se desfaga, non se divida en dous ou tres.

-Iso de remar todos xuntos non parece nada fácil despois de todo o vivido no PSOE lucense. ¿Que condicións cre que se teñen que dar para que iso sexa posible?

-Todo vai depender de como se xestione isto por parte da nova executiva provincial. Eu creo que terá que sentarse con todos e negociar e negociar, pero de verdade, para que isto non se rompa.

-Supoño que cando fala de romper refírese entre outras cousas á posibilidade de que se forme unha lista electoral a partir de xente do PSOE que está moi descontenta...

-A sombra esa do posible partido independente sería fácil de borrar se de verdade hai negociación e un intento serio de soldar as fendas abertas no partido. O secretario provincial ten que tomar con firmeza as rendas neste asunto e intentar arranxalo. Quero pensar que traballa sinceramente nese sentido. Aínda estamos a tempo de evitar que suceda o que, de suceder, pode ter moi mal amaño.

-¿Ten algún dato que indique que é así, que existe ese traballo de recomposición?

-Podo dicir que eu creo que desde a dirección provincial se van intentar limar as diferenzas que temos aquí en Sarria, onde, como é sabido, o principal problema que teño no partido é con quen foi o meu mentor político, e non porque buscara eu eses problemas. Desde a dirección provincial percibo un tono conciliador, e eu digo que é posible un acordo con condicións. Insisto en que hai que buscar o acordo en toda a provincia. Aquí, a nivel local, podemos sacalo para adiante se todos estamos dispostos a perder un pouco de orgullo.

-¿Está superado o besteirismo no PSOE da provincia de Lugo?

-O actual secretario provincial ten dito e deixou entender que o besteirismo é unha etapa superada. Polo tanto, haberá que fiarse. Pero a min, cando vou á Deputación, dáme a impresión de que a sombra, que non é de home, segue alí e polo partido; ao mellor, só é unha paranoia miña. O certo é que cada vez que vou a Deputación noto coma unha presenza e non é a de Besteiro.

-Moito se prolongan as consecuencias de decisións tomadas poucos anos atrás...

-Hai que traballar entre todos para que o PSOE non se rompa porque algunhas persoas meteron a pata hai tres anos.

-Caballero teno moi difícil...

-Eu creo que hai que desfacerse do lastre que hai en varias provincias, porque se non si vai estar moi difícil. Pero ímolo intentar entre todos. O Partido Socialista non pode romper na provincia de Lugo; ese risco existe e hai que evitalo, para que non haxa un efecto dominó. Hai que evitalo; pero, claro, non a calquera prezo.

«Estou un pouco enfadada con Alberto Núñez Feijoo»

A alcaldesa de Sarria ten, di, motivos para estar «un pouco enfadada con Alberto Núñez Feijoo», presidente da Xunta de Galicia. O motivo do enfado de Pilar López e por este motivo: «É que nos enganou co desdobramento do corredor Sarria-Lugo. Pouco antes da campaña electoral falei con el, e díxome que iso estaba moi lonxe, que antes había que facer outros corredores. Poucas semanas despois, xa en campaña, veu a Sarria e dixo que para o próximo orzamento xa entraba o desdobramento. E as cantidades que foi metendo cada ano non pasan de simbólicas. Todo foi unha tomadura de pelo».

?¿Cal é, ao seu xuízo, o problema máis grave que está sen resolver en Sarria?

?A ponte que temos cortada no Camiño de Santiago, a Ponte Ribeira. Espero que todos fagamos o posible para solucionar canto antes este problema.

?E o segundo...

?A falta de solo industrial, porque neste momento temos certo metros cadrados dispoñibles. O solo da primeira fase está todo vendido e a segunda aínda está sen urbanizar. Depende da Sepes e parece que, por fin, vai ir para adiante.

?Xa case estamos en campaña para as eleccións locais. Repetirá como candidata, ¿non?

?Eu marcharei cando me boten os veciños.

?Pero ten as cousas moi complicadas no Concello, e non só por gobernar en minoría...

?Complicadas, si. Se saio desta.... Que trema Pedro Sánchez, que ata a candidatura á presidencia do Goberno se me vai facer pequena. Ha, ha, ha. En serio, como xa dixen, eu marcharei se os meus veciños deciden que teño que marchar. A verdade é que levo case tres anos de saltar obstáculos cada vez máis altos, tres anos duros, nos que houbo ata unha ameaza de moción de censura. Pero aquí sigo.

E, efectivamente, Pilar López, nai de dous fillos, segue, como di, moi atenta, por un lado, ás necesidades do seu municipio e, por outro, ao estado do PSdeG, no que milita desde 2015 e desde o que recorda á súa avoa felipista.