«É un luxo actuar no San Froilán»

SARRIA

PACO RODRÍGUEZ

O músico sarriano Abraham Cupeiro dará a coñecer no concerto de mañá o seu disco «Os sons esquecidos»

05 oct 2017 . Actualizado a las 10:44 h.

Mañá será un día especial para o sarriano Abraham Cupeiro, que actuará na praza de Santa María ás dez e cuarto da noite. Presentará o seu traballo Os sons esquecidos e farao con vinte instrumentos, entre os que destacan o carnyx, o corneto e a corna. Unha vez que remate a actuación no San Froilán, nos vindeiros meses ten previsto dar concertos pola xeografía española e por Iberoamérica. Cunqueiro con só é un intérprete, senón que dende novo sempre tivo interés por estudar as orixes dos xéneros e instrumentos musicais tradicionais

-¿É a primeira vez que actúa no San Froilán?

-É a primeira vez que veño en solitario. Para min é un pracer darlle o pistoletazo de saída ao meu novo proxecto neste marco incomparable. Actuar no San Froilán é máis que un luxo para unha persoa coma min.

-¿Como se chama ese traballo?

-O disco denomínase «Os sons esquecidos». Estamos falando dun xénero entroncado na música popular, clásica e de bandas sonoras de cinema.

-¿Con cantos instrumentos tocará mañá?

-Serán máis de vinte. Todos son instrumentos que teñen a súa historia.

-¿Podería citar algún?

-Entre outros, destaco o carnyx, o corneto e a corna.

-¿Como os define?

-O carnyx é un instrumento que soa a mar, á voz das baleas e ao diálogo de golfiños. Trátase dun instrumento que xa facían soar os celtas cando entraban en combate. O corneto era usado nas catedrais e a corna foi atopada no monte por Carlos Tallón.

-¿Que obxectivo persegue utilizando estes instrumentos?

-Trato de coller instrumentos do pasado para crear un concepto actual e sons que se acheguen a natureza.

-¿Cando xurdiu a súa afección por estes instrumentos?

-A afección venme de moi novo, xusto cando tocaba na Banda de Sarria. Cando rematei os meus estudos musicais en Madrid comecei a investigar e reconstruír instrumentos do século XVIII, co fin de crear a miña propia imaxe musical.

-¿En que novos proxectos está traballando actualmente?

-Ao pasar o San Froilán, no mes de novembro darei varios concertos en Madrid. Realizarei unha xira por Costa Rica e logo farei outra por España acompañando a Carlos Núñez, para pechar cunha viaxe a Finlandia.

-¿Que mensaxe lle traslada aos lectores?

-Convídoos a que veñan gozar das festas de San Froilán, unhas das máis emblemáticas das que se celebran en Galicia. Faríame especial ilusión que viñesen ver o meu concerto, porque estou seguro de que se divertirán e gozarán do son duns instrumentos que non son moi habituais.

 

«Trato de coller instrumentos do pasado para crear sons que se acheguen á natureza»