«Faremos lista en Lugo e o cabeza será unha sorpresa»

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / LA VOZ

SARRIA

penoucos

O secretario xeral de Compromiso por Galicia mantén que o gran obxectivo da súa formación é estar representado na Deputación

14 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As formacións políticas están traballando para as vindeiras eleccións municipais, aínda que quedan dous anos. No caso de Compromiso por Galicia, segundo explicou o seu secretario xeral, Juan Carlos Piñeiro, están tentando presentar candidatos na maioría de concellos da provincia co obxectivo de obter praza na Deputación.

-¿Presentarán candidatura na capital?

-Por suposto. Temos case pechado un candidato para liderar a lista de Lugo, sempre e cando pase as primarias como marcan os estatutos. É unha persoa nova e un referente social na cidade que será unha sorpresa.

-¿Qué obxectivo teñen no ámbito provincial?

-Queremos estar representados na Deputación e penso que podemos logralo. Non só penso que o podemos facer en Lugo, tamén na Coruña, nas outras provincias é moi complicado.

-¿Onde pensan obter o posible deputado en Lugo?

-Pensamos que estamos en disposición de facelo na circunscripción de Lugo Centro. Sendo realistas penso que o noso candidato na capital vai a ter moito tirón e obterá un número grande de votos, o que nos axudara a obter o deputado.

-¿Onde pensan que teñen máis forza?

-Agora mesmo resulta evidente que os lugares onde temos forza son da comarca de Sarria, esencialmente Samos e O Páramo. Penso que unha circunstancia da que podemos aproveitarnos agora mesmo é a crise pola que está pasando o PSOE, o que nos pode permitir atraer a algúns dos seus votantes.

-¿En Sarria volverán a ter lista?

-Penso casi o cen por cen que presentaremos unha candidatura neste Concello. Non ocultamos que o que sucedeu cos nosos concelleiros nesta localidade _foron expulsados tras descubrir que estaban preparando unha moción amparados polo PP_ supón un hándicap, pero hai que ter en conta que as siglas dun partido non sos as persoas.

-¿Qué lle parece o que sucedeu en Sarria e Coristanco?

-Penso que son dous casos que confirman que a estas alturas é necesaria unha reforma urxente da Lei Antitransfuguismo e posiblemente tamén da de Réxime Local. Os concelleiros non poden ter tanto poder a marxe dos partidos e o digo como representante dunha formación que lles da liberdade para negociar con quen queiran. O que non podemos consentir é que nos conten trolas como aconteceu no caso de Sarria.