«Somos un partido serio que non tolera actuacións como a de Fortes»

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / LA VOZ

SARRIA

Destaca que o partido pasou páxina e non conta cos edís de Sarria que expulsaron por apoiar unha moción

17 feb 2017 . Actualizado a las 10:33 h.

O xoven lucense Juan Carlos Piñeiro tomou o relevo de Xoán Bascuas como secretario xeral de Compromiso Galicia fai unhas semanas. O relevo no poder desta formación abría a porta a que a nova directiva puidera mudar a súa postura sobre a expulsión do edil sarriano Antón Fortes por estar apoiando una moción de censura co PP. «Somos un partido serio que non tolera actuacións como a de Fortes», manifestou Piñeiro para disipar calquera dúbida.

-¿Mantén a decisión do seu antecesor respecto á expulsión de Fortes?

-Por suposto, Compromiso por Galicia é un partido serio e non pode tolerar comportamentos como o de Fortes e Escontrela, que non estiveron á altura na súa labor.

-¿Están convencidos de que os seus ex compañeiros ían apoiar unha moción?

-Desde logo. Eu aínda non tiña responsabilidades no partido cando foi o caso, pero vivino moi de preto e resulta evidente que tiñan pensado apoiar ao PP nunha moción sen ningún motivo sólido.

-¿Qué lle parece que Fortes non quixera pasar agora a non adscrito cando hai uns anos o fixo cando estaba en Independientes de Galicia?

-É unha proba máis do evidente da súa pretensión de seguir adiante coa moción de calquera maneira. Na situación de non adscrito non pode facelo e por iso quere recuperar o seu estado anterior.

-¿Tentou Fortes volver a Compromiso?

-Si, aínda que non fixo unha petición directa para pedir o seu retorno, moveuse entre bastidores para mandar recados e mensaxes, que non foron escoitados.

-¿Cómo valora esta situación e o dano que lles fixo?

-Os partidos estamos expostos a este tipo de cousas, pero no noso caso a actuación para poñerlle remedio foi rápida e impecable, demostrando que no noso partido non teñen cabida persoas que impulsen actuacións deste tipo. Entendemos que presentar una moción é lícito, pero sen ter motivos non.

-¿Farán lista en Sarria despois disto?

-Estamos traballando arreo para conseguilo e penso que o lograremos. O noso futuro nun concello non pode depender de dúas persoas.

-¿Compromiso está implantado na comarca?

-Por suposto e seguimos medrando. Temos presenza en Samos, Láncara e O Páramo con xente moi boa e nova como Saúl Sánchez que acaba de entrar na executiva e ten un gran futuro. Para nós a comarca de Sarria e un referente moi importante e polo tanto queremos ampliar a nosa presenza para poder darlle visibilidade ao noso proxecto en Lugo.

-¿Teñen algunha meta en Lugo nas próxima municipais?

-Estamos traballando coas miras de chegar a Deputación e devolverlle o prestixio que perdeu nos derradeiros tempos. Quédannos por diante dous anos de moito traballo, pero estamos todos moi ilusionados e dispostos a dalo todo para entrar no organismo provincial e demostrar que é posible outra maneira de facer política en Galicia.

«Fortes non quere seguir como non adscrito debido a que non pode apoiar a moción»

«Estamos traballando coas miras de entrar na Deputación de Lugo»