Inauguración da reforma da igrexa románica de Lousada, en Samos

La Voz

SAMOS

Foto de familia na inauguración da igrexa amañada
Foto de familia na inauguración da igrexa amañada CEDIDA

O templo estivo desde 1954 pechado e foi arranxado pola Xunta

01 may 2021 . Actualizado a las 18:32 h.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade finalizou as obras de restauración da igrexa de San Martiño de Lousada, en Samos, tras investir preto de 200.000 euros nos traballos, executados durante os últimos seis meses. 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou este sábado no transcurso dunha visita que con esta actuación valorízase o inmoble e o seu entorno e recupérase o uso do templo para o culto. No acto de reapertura estiveron tamén o rexedor de Samos, Julio Galego; a resposable de Cultura da Xunta en Lugo, María José Gómez; e o bispo da diócese, Alfonso Carrasco Rouco. Fixo de mestre de cerimonias o sacerdote da parroquia de Lousada, Miguel Gómez.

O proxecto técnico contemplou a mellora da accesibilidade nos espazos exteriores do adro; a renovación da cuberta, conservando a tipoloxía e o material -madeira de castiñeiro e lousa-; así como a restauración do campanario e os sinos. 

Tamén se procedeu á consolidación das fábricas, tanto de muros como de arcos, para devolver a correcta funcionalidade estrutural ao inmoble; cambiáronse as instalacións eléctrica e de iluminación e acometéronse as actuacións precisas para mellorar o illamento.

Foto de familia na inauguración da igrexa amañada
Foto de familia na inauguración da igrexa amañada

Arias destacou que a actuación serviu para corrixir deficiencias e evitar o deterioro do templo. Executouse a través dun convenio de colaboración coa Diocese de Lugo, que inclúe a restauración de diferentes inmobles eclesiásticos da provincia. 

A igrexa de San Martiño de Lousada é un ben catalogado protexido polo seu valor cultural ao estar incluído no Inventario das Normas Subsidiarias Provinciais de 1991. É un edificio de orixe románica, de volume sinxelo e pouca ornamentación. No interior consérvase unha pía bautismal de granito, con conca e pilastra, así como restos de pinturas murais de carácter popular nos arcos.