A Xunta afea ao alcalde de Samos non terlle comunicado os desperfectos no Camiño

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

SAMOS

cedida

Censura que se queixara nos medios e deu orde para que se supervise o estado da ruta

31 dic 2019 . Actualizado a las 17:10 h.

A Xunta saíu ao paso das queixas do rexedor de Samos, Julio Gallego, polo estado do Camiño Francés ao seu paso polo concello logo dos temporais. Segundo indican dende a delegación territorial, «a Xunta é a única administración pública que apoia as tarefas de conservación da ruta xacobea ao seu paso por este municipio». Dende a administración censuran a actitude de Gallego alegando que non recibiron comunicación por parte do Concello dos danos provocados polas chuvias recentes, e censuran que en vez de solicitar unha solución aos desperfectos pola vía oficial, reciban a queixa a través dos medios de comunicación.

Dende a Delegación do goberno autonómico en Lugo lembran que dende o 2017 Samos percibe 45.500 euros anuais con cargo ao convenio que os concellos do Camiño Francés teñen asinado coa Xunta e que ten por obxecto precisamente afrontar obras conservación e reposición que, con carácter de urxencia, deben executarse para a mellora do Camiño e a súa contorna. No curso 2019 a contía non se esgotou na súa totalidade, algo incompatible con manifestar que a ruta está abandoada. 

Inciden además dende a Xunta en que está en vigor o contrato de conservación da ruta xacobea, por importe de 618.173 euros anuais, co que respaldan aos concellos. A administración xa deu instrucións á empresa para que verifique e, no seu caso, corrixa, as deficiencias.