Bonxe revivirá unha cocedura tradicional

SAMOS

A Capela de Santa María acolleu no 2013 unha exposición sobre olería tradicional da provincia
A Capela de Santa María acolleu no 2013 unha exposición sobre olería tradicional da provincia OSCAR CELA

A asociación Canaveira organiza outra actividade para conservar e poñer en valor a cerámica popular

07 oct 2019 . Actualizado a las 12:22 h.

A cerámica tradicional de Bonxe revivirá grazas a unha actividade que se celebrará nesta parroquia de Outeiro de Rei o domingo 20. Alí, no forno das olas de Bonxe, que posúe a artesá cacharreria Pepa Lombao, no lugar da Veiga, terá lugar a I Cocedura Tradicional das xornadas etnográficas, que organiza a Asociación Ceramolóxica Galega Canaveira. Trátase dun cocedoiro dunha fornada de pezas de barro tal e como facían tradicionalmente os cacharreiros da parroquia de Bonxe.

O obxectivo desta actividade é continuar co programa de conservación e posta en valor da cerámica tradicional que iniciou Canaveira, un colectivo formado por un grupo de lucenses para difundir o legado cultural dos catro centro oleiros que operaron na provincia de Lugo (Samos, Bonxe, Gundivós e Mondoñedo). De feito, o acto en Bonxe continúa na liña dos cocedoiros realizados o pasado ano no forno de Lulle (Samos) e da publicación editada polo Centrad da Deputación, Formas Tradicionais da Cerámica Popular. Samos, na cal se presenta unha achega á fabricación de cacharros de barro nas terras do concello samonense.

Segundo explica Hixinio Flores, un dos impulsores desta iniciativa, os actos que se desenvolverán en Bonxe comezarán o sábado 19 pola tarde cargando no forno os cacharros que se pretenden cocer, unha operación que se desenvolverá durante varias horas, rematando preto da noitiña.

Empanada, castañas e bolos

Xa o domingo 20, ás 11.30 horas, iniciarase a cocedura con toxos, no forno das olas. Ao remate da xornada, a partir das 17.00 horas, convidarase ás persoas asistentes a empanadas, pan, bolos preñados e castañas asadas no forno de leña, situado a carón do obradoiro da artesá chairega.

Para rematar, o luns 21, a partir das 12.00 horas, procederase a descargar o forno, tendo en conta que os cacharros xa estarán fríos.