A olería de Samos volve ter vida no forno de Roxofrei despois de 70 anos

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / LA VOZ

SAMOS

OSCAR CELA

Onte púxeronse a cocer media cento de pezas nun forno antigo que se restaurou

04 jun 2017 . Actualizado a las 09:27 h.

A olería de Samos era unha das catro, xunto a Mondoñedo, Gundivós e Bonxe, que existía na provincia. Hoxe só quedan Bonxe e Gundivós. Fai catro anos que catro lucenses, o afeccionado a fotografía etnográfica, Hixinio Flores, o ceramista Lolo Fernández, o restaurador Xaime e o panadeiro Caldas, decidiron restaurar o forno do lugar de Roxofrei, na parroquia samonense de Loureiro, para volver a cocer pezas de barro despois de setenta anos.

A labor de restauración foi complicada, xa que tiveron que librar de maleza e polas de árbores todo o forno, ademais de rehabilitar unha boa parte que estaba en mal estado, pero remataron coa axuda dun convenio coa Deputación e o Concello de Samos.

A posta en funcionamento do forno forma parte dun proxecto de recuperación da industria alfareira samonense que se completou cunha mostra composta por unhas noventa pezas de distintas épocas que se celebrou no Museo Provincial no ano 2014 e que complementou unha de toda a alfarería na provincia celebrada un ano antes na Capela de Santa María, formada por medio cento de pezas de distintas medidas e tipos.

 Proceso de cocción

O primeiro paso foi elevar a temperatura no interior do forno ata os 900 graos a base de prenderlle lume a unha leña preparada especialmente para a ocasión. Unha vez alcanzada esa temperatura, só queda agardar a que a calor converta en obras de arte as pezas de barro que se meteron. Logo, para rematar todo este proceso, é preciso agardar ata que a temperatura descenda de maneira natural ata os 100 grados, algo que calculan que acontecerá mañá.

Para os que interveñen nesta experiencia, a grande dúbida que xorde, segundo explicou o artesán Lolo Fernández, é que non contan con ningunha referencia sobre o funcionamento do forno. «A única persoa que sabía algo, xa que ninguén do lugar recorda como era o proceso, era Carlos de Lamartín, que traballou de axudante de oleiro amasando barro; pero faleceu fai dous anos e, polo tanto, ninguén sabe como se cocía antes de 1920, cando traballaban as olerías de Samos».

O traballo que onte culminou coa primeira elaboración de pezas permitiu nos últimos anos atopar algúns lugares nos que se recollía o mellor barro para facer as olas ou atopar algunha peza que non se coñecía.

Manter as instalacións

O artesán Lolo Fernández estaba moi satisfeito do traballo realizado para recuperar o forno e tamén por cocer as primeiras pezas despois de 70 anos. Por iso manifestou: «Unha vez que se fixo esta recuperación sería moi importante que non se deixara perder este traballo. Estaría ben que as administracións se preocuparan por manter en boas condicións estas instalacións e sinalalas para que a xente puidera visitala para aprender como se traballaba antes».

O seguinte paso neste proxecto etnográfico será a publicación dun libro por parte de Deputación Provincial. O volume con terá unha recompilación das distintas pezas da olería de Samos que se foron atopando nos últimos anos.