Unha herdanza de moito valor

Xaime López Arias

SAMOS

Unha nai e o seu fillo doaron a igrexa no ano 1078 unha propiedade de grandes dimensións na zona de Barbadelo e Piñeira. Esa unidade poboacional xa non existe

09 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Mariña Vermudiz e o seu fillo Pedro Ovequiz o día 1 de decembro de 1078 fixeron doazón de bens a San Xacobe Apóstolo, San Paio mártir, Santa María Virxe, San Breixo, San Máximo, Santa Xulia, San Pantaleón e outros santos apóstolos, mártires e confesores e virxes titulares da basílica que din está fundada no lugar que era coñecido como Don Audiliano, e doutro xeito lle chamaban Casa de Barbadelo, que foi o nome que lle deron os monxes de Samos a Santiago de Barbadelo, cando deixa de ser independente e cae baixo da xurisdición samonense, e que sinalan está baixo do sino de San Salvador e San Xacobe, que por razóns das casas de Rosende e Barbadelo é como o mosteiro era coñecido.

Mariña Vermudiz, filla de Veremundo Honoriquiz, casou cun home chamado Oveco e tivo con el por fillo a Pedro Ovequiz. Por motivos piadosos, morto ese Oveco, fixeron doazóns ao confeso Cresconio, morador do mosteiro de Don Audilano (ou Santiago de Barbadelo) e para os frades e monxes que con el habitaban unha vila en Piñeira onde dicían Vila de don Sonnarigo Menendiz, que estaba na beira do río Barbadelo, hoxe moi atinadamente chamado Celeiro riba da adamita que chamaban Viperares e ía ata o río de Xullán, estando situada esa vila no lugar de Barbadelo, baixo do monte de Tribui. Deron para o mosteiro a metade polas intencións da ánima do falecido Veremudo.

Ubicaban a vila a carón da condomiña que era de Santiago de Barbadelo e sinalan que fora mercada polo dito Veremudo a unha tal Ermesenda Sonnoriquiz, e acabara sendo de Mariña nas partillas feitas cos seus irmáns e herdeiros e por iso tiñan nela cartas e particións.

As estremas desta vila dentro dos seus definidos termos ían por Outeiro e por Santa María de Barbadelo (Albán) e despois por San Miguel (Piñeira) ata Outeiro. Incluía nas doazóns tódolos seus bens e con canto ao servizo dos homes estaba, e dicir, coas casas, terras, pedras, árbores, saídas dos montes e axeitos, soutos e devesas, prados, pasteiros, os ríos cos seus cauces, segas muiñeira e pesqueira, e déronllo todo a Deus e San Xacobe, na persoa de don Cresconio, eu presidía a congregación barbadelense (tanto o lugar de San Xacobe de Barbadelo como o de San Salvador de Rosende), pola ánima de Veremudo, e para que os servos de Deus e os probes de Cristo tivesen sustento na esperanza de que Mariña e o seu fillo Pedro puidesen achar diante Deus mercede copiosa.

Asinan a escritura os ditos Mariña e Vermudo e confirma o abade samonense Fromarico, por estaren suxeitos o mosteiro barbadelense e os seus mosteirolos satélites á súa xurisdición abacial, e asinan tamén a doazón como testemuñas Adefonso Osoriz e o decano Ariano.