«O ecolóxico é unha boa saída para as pequenas explotacións de leite»

Juan Seco, gandeiro de Riotorto, afirma que ten a vantaxe de traballar ao aire libre e de non depender de nutricionistas

Seco, nunha das leiras que ten no barrio da Augaxosa, na parroquia riotortense da Muxueira.
Seco, nunha das leiras que ten no barrio da Augaxosa, na parroquia riotortense da Muxueira.

VILALBA / LA VOZ

Juan Seco converteuse en gandeiro despois de ter outros traballos, e converteuse en gandeiro de producción ecolóxica despois de pasar pola convencional. A súa explotación, con 50 vacas en total e uns 120.000 litros ao ano, está na Augaxosa, na parroquia da Muxueira (Riotorto). Que haxa concentración parcelaria axuda a que o terreo onde pacen as vacas estea non moi repartido.

—Como cambia o traballo cando un pasa de gandeiro convencional a ecolóxico?

—É gratificante. Non tes que estar pendente de produtos coma os pesticidas nin hai enfermidades. Aquí trabállase ao aire libre; nin están pechadas as vacas, nin o está o gandeiro. Hai que traballar, coma en todos os lados [ri].

—Como se traballa o terreo cando se decide o sistema de produción ecolóxica?

—Traballan as vacas. Os animais pacen e véñense muxir. No fondo o traballo é o mesmo ca o de hai anos; vólvese ao tradicional, ao de toda a vida.

—Nota que mellorou o terreo dende que elixiu a produción ecolóxica?

—No meu terreo non se usan produtos químicos. Estará san, supoño. Unha persoa sa non necesita medicinas.

—Resúltalle máis difícil este traballo ca o que facía antes?

—Si. Nunha explotación convencional fas as cousas segundo che di o nutricionista, e traballas as terras segundo che din os das sementes e toda esa xente. Aquí tes que usar a cabeza: tes que levar as vacas onde cres que vai haber bo rendemento. Isto é gandaría; o outro é industria.

—Acabará o modelo ecolóxico tendo as características dunha industria, como na produción convencional?

—Xa comeza a telas: xa comeza a haber produtos, sementes... Este sistema quere explotalo todo o mundo, como pasa con todas as cousas.

—É o menor tamaño unha condición lóxica dunha explotación ecolóxica?

—Hai de todo. Hai explotacións ecolóxicas realmente grandes: algunas andan polos 2.000 litros diarios. Son explotacións cunha base territorial moi grande, que é do que dependemos aquí.

—Vostede ten 50 vacas. Son poucas para unna explotación con produción ecolóxica?

—Xa son unha cantidade. Danche para ter un soldo digno, aínda que non é para facerse rico.

—Hai aínda na sociedade receos ou desconfianza fronte á produción ecolóxica?

—Aínda hai xente que ten algún receo. Os produtores ecolóxicos aínda somos algo raros, pero cada vez menos, porque xa hai máis xente neste sistema. Cando cheguei a isto, non estaban as vacas fóra. Cando as botei, xa imaxinas o que pasou: dicíanme que habían morrer. Xa as botei fóra antes de entrar na produción ecolóxica, para aforrar custos.

—Tendo en conta as oscilacións do prezo do leite, está máis protexido un gandeiro de produción ecolóxica?

—O gandeiro ecolóxico, coma o convencional, está protexido se quere. A produción pódese basear no terreo ou en elementos externos. Se te acostumas a depender de fóra, che soben o prezo dos alimentos e che baixan o do leite, tes un problema. Sei de xente de produción convencional interesada en pasar a súa explotación a ecolóxica.

—É aconsellable o cambio do convencional ao ecolóxico?

—Non son afeccionado a dar consellos; pero penso que para as pequenas explotacións de leite o ecolóxico é unha boa saída se tes base territorial. Creo que pode ter futuro, porque agora está de moda o ecolóxico. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

«O ecolóxico é unha boa saída para as pequenas explotacións de leite»