Francisco Veiga: «O xogos tradicionais teñen absoluta vixencia e ademais teñen valores»

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios VILALBA / LA VOZ

RIOTORTO

CEDIDA

Estudoso do patrimonio lúdico en Riotorto e noutros concellos,  salienta que aínda hai moita riqueza

18 ene 2020 . Actualizado a las 22:47 h.

A recuperación e a promoción dos xogos tradicionais están a notarse en distintas zonas de Galicia. Nalgúns casos, mesmo serve, de maneira indirecta, para tentar definir un territorio: a asociación de veciños da Órrea (Riotorto) promoveu un libro que recolle xogos desa parroquia e da Terra de Miranda, considerando que ese nome debe agrupar parroquias hoxe pertencentes aos concellos de Riotorto, da Pontenova e de Trabada.

O traballo desenvolveuse en colaboración coa Asociación Cultural Arrincadeira e coa Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT). Francisco Veiga é tesoureiro desta e secretario da asociación veciñal da Órrea.

—Están hoxe perdidos os xogos tradicionais?

—Non. Por todo Galicia se fan xornadas de divulgación. Non son descoñecidos. Os xogos non morreron, desapareceu a súa práctica. Algúns, máis competitivos, estaban adurmiñados, sobre todo tras a emigración masiva dos anos sesenta. Os bolos da Órrea e de Santalla [núcleo da parroquia de Vilameá, no concello da Pontenova] recuperáronse nos anos noventa. O patrimonio galego do xogo é un dos máis ricos da Península, tanto polo número de xogos como polo nivel de conservación.

—Cambian os xogos dunhas zonas a outras ou hai pequenas variantes que xorden dun mesmo esquema?

—O patrimonio lúdico é universal. Os xogos adáptanse ao medio. A billarda, por exemplo, existe en todos os lugares onde haxa dous paus; pero hai sitios onde non hai eses paus. En cuestións máis específicas, os investigadores din que o único xogo xenuínamente galego é a chave, pero está relacionado con xogos de lanzamentos que hai noutros sitios. Na Terra de Melide, por exemplo, hai xogos que se practican máis ca noutros sitios.

—Moitas veces os xogos están vencellados con circunstancias sociais xa superadas. Teñen vixencia os xogos?

—Absoluta. Os xogos teñen ademais valores: a educación, o tempo libre, o respecto ao medio... Que valor ten darlle a un pau nestes tempos? Todo. Imaxina construír un carriño, que se lles facían aos nenos; iso non é incompatible con comprar un tractorciño xa feito. O que si se ve é que o xogo industrial impide o desenvolvemento dos nenos dos nosos días. Por que os nenos rompen os coches? Porque non saven como son por dentro. Se os construísen, non os destruirían.

—Polo xeral quen recuperan os xogos son persoas que xa os coñecen porque os practicaron na nenez ou na xuventude. Poden manterse eses xogos?

—Algún xogo, para sobrevivir, ten que dar o paso de converterse en deporte. Os xogos non implican adestramento, os deportes esíxeno. Pero o que se necesita para que se conserven os xogos é que haxa xente. O problema dos xogos é que non hai remuda xeracional: un clube coma o dos bolos de Santa Marta de Meilán [parroquia de Riotorto] ten moitos practicantes, é potente; na Órrea, en cambio, a remuda xeracional é un problema.

—Que poden supoñer estes xogos tradicionais para nenos que case nacen afeitos ao mundo dixital?

—Falamos de ofrecer oportunidades de xogo e oportunidades educativas. Hai moitos colexios que adaptaron os seus patios para estas actividades. Hai moito que facer; pero estamos en contacto con empresas que constrúen parques infantís nas cidades: hai que deixar sitio para que se baile o trompo, por exemplo. Para recuperar os xogos tradicionais, fai falta a implicación de moitas persoas e de moitos organismos.

—Co traballo que fai en Muimenta e noutos lugares, é Xotramu un exemplo para outras asociacións?

—Si. Espállanse os xogos e mellórase a calidade de vida da parroquia.