Tomé visita Ribeira de Piquín, onde a Deputación invertiu medio millón de euros en diferentes actuacións

la voz LUGO

RIBEIRA DE PIQUÍN

O presidente da Deputación en Ribeira de Piquín, xunto ao alcalde
O presidente da Deputación en Ribeira de Piquín, xunto ao alcalde CEDIDA

Houbo melloras no centro de día, na compra de maquinaria e na instalación de iluminación de menos consumo

22 mar 2021 . Actualizado a las 21:42 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto coa deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, supervisou acompañado do alcalde de Ribeira de Piquín e tamén deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, un conxunto de actuacións e dotacións públicas financiadas pola institución provincial na localidade con máis 500.000 euros, tanto a través de varias anualidades do Plan Único, como de convenios de colaboración. 

José Tomé subliñou que estes investimentos da Deputación de Lugo en Ribeira de Piquín responden ao «compromiso de cooperación da institución cos concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos e infraestruturas públicas aos seus veciños e veciñas, independentemente do lugar no que vivan, o que contribúe a fixar poboación». 

Centro de Día

José Tomé comprobou o equipamento do Centro de Día, que, a través do Plan Único 2020, dotouse de electrodomésticos, como lavadora, secadora, conxelador, cadeira de rodas, aspiradora e outros aparellos para o correcto funcionamento deste servizos público por un importe de case 8.000 euros. «Unha contía á que cómpre sumar o esforzo que nos últimos anos fixo a institución provincial para lograr que esta dotación social ribeirega sexa hoxe unha realidade, con máis de 300.000 euros destinados». A Deputación de Lugo mantén en vigor un convenio de colaboración para contribuír ao correcto funcionamento deste centro repartido en 4 anualidades (2020-2022), destinando cada ano a institución provincial a contía de 30.000 euros. 

Agora mesmo o Centro de Día de Ribeira de Piquín atópase pechado por mor das restricións sanitarias do covid-19, pero ata marzo do ano pasado estaba en pleno funcionamento e dende a súa apertura recibiu unha moi boa acollida entre a veciñanza, chegando ata os 20 usuarios e usuarias. 

Maquinaria municipal

Así mesmo, o presidente acudiu á nave municipal onde o Concello dispón da maquinaria e da ferramenta de titularidade propia. Mediante o Plan Único e tamén dun convenio de colaboración, a Deputación sufragou a adquisición de distintos equipamentos cun investimento superior aos 200.000 euros, distribuídos en varias anualidades. 

Entre eles, atópanse dous tractores. Un deles mercouse grazas a un convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello a través do que a Deputación de Lugo destinou 130.000 euros. A maiores, tamén se dispón de remolques, cisterna e diversa ferramenta que utiliza o persoal municipal para a limpeza de vías e accesos, para o mantemento de zonas verdes e espazos públicos e tamén para dar apoio naquelas actuacións que se consideren necesarias. Unha maquinaria, valora o presidente, que permite que un gran número de actuacións se poidan desenvolver con medios propios, dando resposta ás necesidades que se dan nos diferentes puntos deste municipio da Montaña.

 Luminarias LED

O Concello de Ribeira de Piquín vén desenvolvendo nos últimos anos un proceso de renovación de luminarias LED das parroquias que conforman o municipio ao abeiro do Plan Único nas últimas catro anualidades, destinando a Deputación preto de 50.000 euros para mudar as lámpadas existentes por outras de baixo consumo neste municipio. O Presidente xunto ao Alcalde e á Deputada de Réxime Interior coñeceu o funcionamento dos cadros eléctricos novos con protección para sobretensións.

En total renováronse 400 puntos de luz nestes 4 anos, o 80 % dos que dispón Ribeira de Piquín, e instaláronse 50 cadros eléctricos. A previsión do municipio, que tamén contemplará no Plan Único 2021 partidas para este fin, é que neste ano queden renovados o 100% das luminarias por outras de baixo consumo. Esta decisión contribuirá a reducir nun 50% a factura da luz, ao mesmo tempo que se logra dotar de puntos lumínicos a zonas do concello que ata o momento carecían dun alumeado de calidade.