A Deputación achegou 670.000 euros a Ribeira de Piquín para prestacións públicas como o centro de día

La Voz

RIBEIRA DE PIQUÍN

Tamén acondicionarán rutas de sendeirismo e melloraron estradas e traídas de auga

18 dic 2017 . Actualizado a las 10:34 h.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, informaron en datas pasadas sobre o investimento de 670.000 euros, que o Goberno Provincial achegou a este municipio nun ano en impulso do conxunto dos servizos públicos aos veciños. Por exemplo, a dotación dun centro de día, a mellora de estradas, traídas de auga ou alumeados públicos; a prestación de servizos sociais, a xeración de emprego, así como a organización de actividades turísticas, deportivas ou culturais, entre outras actuacións. Campos Conde explicou que foron 330.000 euros do orzamento de 2016 e outros 420.00 deste ano, os que que o Executivo Provincial decidiu destinar para dito fin, «que se enmarca na nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural».

Dos 420.000 euros do presuposto de 2017, o Goberno da Deputación achega case 207.000 á construción dun centro de día na Ribeira de Piquín. Este proxecto conta cun total de 275.000 euros da Deputación, pois o Executivo Provincial destinou uns 70.000 do orzamento provincial do ano pasado.

Máis servizos sociais aos maiores

A día de hoxe, o Goberno da Deputación atende a 7 maiores da Ribeira de Piquín a través do seu Servizo a Domicilio para persoas non dependentes, que ofrece porque a Xunta de Galicia recortou a cero euros a achega autonómica para esta prestación social en todos os municipios de menos de 20.000 habitantes. O Presidente destacou que «levamos investido 45.000 euros no Servizo a Domicilio a persoas non dependentes de Ribeira de Piquín, o que permite aumentar o número de maiores que contan con esta prestación». O Alcalde apuntou grazas a estes fondos poderán pasar dos 7 usuarios que hai na actualidade a, cando menos, superar os 10.

Máis emprego

Campos e Fernández tamén avanzaron que este ano se crearán máis do dobre de postos de traballo, con respecto ao ano pasado, na Ribeira de Piquín a través do DepuEmprego. É o programa co que o Executivo Provincial xera emprego e reforza a prestación de servizos municipais aos veciños, asumindo os custos laborais de novos traballadores nos 66 Concellos de menos de 20.000 habitantes. O Presidente explicou que «achegamos 80.000 euros a Ribeira de Piquín con este programación para xerar un total de 8 empregos: 3 o ano pasado e 5 este ano».

Dotacións públicas: traídas, alumeados ou polideportivo

Para melloras nas dotacións públicas, o Executivo Provincial levou nun ano a Ribeira de Piquín 85.000 euros. O Presidente e o Alcalde supervisaron os traballos xa executados con 67.700 euros e que consistiron na mellora das traídas de auga de Lamas e os Cangas onde viven máis de 20 veciños; na reparación do local social de O Chao, dotándoo dun novo tellado, pois estase a rehabilitar para convertelo en centro social; e na dotación de novo alumeado público ao Chao do Pousadoiro, que é a capitalidade da Ribeira de Piquín.

As seguintes actuacións de mellora de dotacións públicas levaranse a cabo con outros máis de 17.000 euros, que o Goberno da Deputación xa destinou, consistirán no acondicionamento do polideportivo, dotándoo de vestiarios e pechándoo. Estas actuacións realízanse co obxectivo de ofrecer aos veciños unhas instalacións públicas nas que poder adestrar, pois os equipos deportivos do Concello teñen que desprazarse a outros municipios para facelo. Por exemplo, o Ribeira FS, que xoga na primeira autonómica de fútbol sala, entre outros.

Turismo: rutas de sendeirismo e presa do Chao

O Presidente e o Alcalde avanzaron que con outros 40.600 euros, que o Executivo Provincial levou a Ribeira de Piquín, se acondicionarán as rutas de sendeirismo Fervenza-Pena dos Portelos e Chao de Pousadoiro-Muíño de García; así como a presa do Chao, un dos emblemas turísticos do Concello. Todo isto “dentro da nosa aposta compartida dende Deputación e Concello polo impulso do turismo como revulsivo económico no rural da nosa provincia. Temos que potenciar os recursos únicos de cada un dos nosos Concellos para xerar riqueza a través do turismo, tal e como recolle o noso Plan Estratéxico de Turismo”, destacou o Presidente.

Melloras de accesos

Son 100.000 euros os que o Goberno da Deputación achegou nun ano á mellora de accesos viarios da Ribeira de Piquín en vías de 8 núcleos rurais, beneficiando, directamente, aos 160 veciños que viven nos mesmos. Son os de Vilarpescozo, Os Vaos, Cartea, Os Vaos, Boel, As Figueiras, Outariz e Meiori.

O Presidente adiantou que as seguintes actuacións, dotadas de 29.000 euros, levaranse a outros 4 núcleos, nos que viven 100 veciños. Son os de Figueiras, Soutelo, Navallos e Montefurados. O orzamento que destinou o Executivo Provincial é para a pavimentacións dos accesos a ditas localidades. Campos e Fernández explicaron se están a estudar as necesidades do Concello para arranxar máis vías con outros 20.500 euros.