As vacas do Eliseo atrancan os xulgados

Unn veciño de Ribeira de Piquín foi xulgado seis veces porque as súas reses comen o pasto dos outros


lugo / la voz

Mentres agora hai gandeiros que están pendentes de xuízo por deixar morrer as súas vacas de fame, as do Eliseo engordaban a conta dos demais. Este veciño de Ribeira de Piquín xa leva polo menos cinco axuizamentos porque, segundo o fiscal, para que o seu gando estea ben mantido mándao para as leiras, hortas e pasteiros dos veciños. As vacas de Eliseo Vidal Monteserín, como así se chama o acusado, son xa as máis coñecidas xudicialmente de toda España. Atrancaron os ateigados xulgados de A Fonsagrada e do penal de Lugo por mor das múltiples denuncias dos veciños, fartos de que as reses lles comesen patacas, coles, nabos, verzas, herba...

O epicentro das vacas do Eliseo sitúase na aldea de Cartea. É alí a onde a Garda Civil tivo que ir máis de cen veces en pouco tempo por culpa das famentas reses. Ducias de denuncias chegaron ao xulgado fonsagradino e o propietario dos animais xa tivo que pasar varias veces polo banco dos acusados. A última vez foi o pasado xoves.

Polo que di o fiscal, a 29 vacas deste home xa non lles chegou o territorio de Ribeira de Piquín. Entre xaneiro e marzo do 2007 (o caso aínda se xulga agora) internáronse na demarcación de San Martiño de Ferreiros, en Pol. Alí paparon o pasto da finca denominada Requeixo, propiedade dunha gandaría da zona, causando danos por 1.600 euros.

Tamén meteu as vacas na finca Cha das Fontes, no mesmo concello. Neste caso, os danos ocasionados foron avaliados en 555 euros. Os feitos foron cualificados como un delito de furto. O fiscal pediu que ao acusado lle impoñan cinco meses de cadea e que pague os danos.

O Eliseo chegou a ter unhas corenta vacas, pero polas falcatruadas que facían polas leiras dos veciños, a Xunta retiroulle unha boa parte delas. Nalgunha ocasión foi obxecto de embargos para pagar os danos. «Quen papa as hortas e os pastos son os xabaríns, non as miñas vacas», dixo nalgunha ocasión.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

As vacas do Eliseo atrancan os xulgados