A Deputación mellora en Rábade con 340.000 euros os servizos públicos aos veciños

La Voz

RÁBADE

Xeráronse 5 novos empregos e 73 prazas de Servizo a Domicilio para non dependentes e de Teleasistencia gratuíta

18 dic 2017 . Actualizado a las 10:34 h.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Rábade, Francisco Xosé Fernández Montes, informou en datas pasadas, sobre o investimento de 340.000 euros que o Executivo Provincial achegou nun ano ao impulso de dotacións públicas e infraestruturas, á xeración de emprego e á mellora dos servizos sociais aos 1.500 veciños deste municipio.

De dita cantidade, foron 180.000 euros os que o Goberno da Deputación destinou a dotacións públicas. Deste xeito, mellorou a traída de auga e ampliou as beirarrúas da rúa Rosalía de Castro, no núcleo urbano do municipio; e dotou de novo alumeado público á Avenida de Vilalba, Avenida da Coruña e ao polígono industrial, onde situou 40 puntos de luz de baixo consumo, mellorando estes sistemas en beneficio dos máis de 1.400 veciños que viven en ditas zonas.

Campos Conde avanzou que as seguintes actuacións a realizar serán o arranxo da Estación de Tratamento de auga potable de Rábade e a construción dun paseo peonil nos xardíns do parque que está ao carón da N-VI, na rúa Coronel Andrade.

5 novos empregos

Campos Conde explicou que “nun ano investimos no Concello de Rábade máis de 69.000 euros, cos que xeramos un total de 5 postos de traballo, 3 o ano pasado e 2 este ano”. Fixérono a través do DepuEmprego e do Ben Empregado, asumindo os custos laborais de novos profesionais, que traballan en empresas da zona e no propio Concello, reforzando os servizos públicos municipais. Por exemplo, a través do DepuEmprego contratáronse os servizos dun administrativo e de un peón.

Atención profesional nun ano a 32 maiores

O Goberno da Deputación destinou nun ano 42.000 euros á xeración de 73 prazas en Rábade de Servizo a Domicilio para non dependentes e Teleasistencia gratuíta, ofrecendo estas prestacións aos maiores deste municipio porque a Xunta non o fai. Este investimento permitiu a contratación de asistentes sociais para prestación  de 2.500 horas de atención a 32 maiores do municipio, á espera de novas altas este ano.

Dinamización económica e social

O Executivo Provincial achegou máis de 50.000 euros á realización de actividades lúdico-culturais e deportivas durante todo o ano en Rábade, como, por exemplo, o XXII Rabafolc, o Máster Nacional de Fútbolín  ou cursos de teatro. Estes fondos tamén contribuíron a impulsar a actividade da escola de música da Sociedade Musical Rabadense Músico Crisanto, que conta con máis de 80 alumnos; así actividades medioambientais.