Pablo Rivas, alcalde de Portomarín: «A Festa do Augardente do domingo tamén será unha oportunidade para degustar a anguía»
PORTOMARÍN
O alcalde asegura que a ocupación hosteleira xa está completa e que este ano recuperan a súa famosa procesión
07 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O próximo 9 de abril, ademais de domingo de Resurrección, tamén se celebra en Portomarín a súa tradicional Festa do Augardente, unha das citas gastronómicas máis importantes non só da provincia, senón de toda Galicia. Os veciños e visitantes poderán apreciar a elaboración artesanal desta bebida e degustar a anguía, outro dos produtos por excelencia da localidade lucense.
—Que nos espera este ano na Festa do Augardente de Portomarín?
—Nós apostamos sempre pola tradición e por ofrecer o mellor que temos aos visitantes. A festa comezará xa dende as 11.00 horas da mañá co prendido das alquitaras na Praza do Camiño. Ás 12.00 horas levaremos a cabo a famosa procesión, que recuperamos agora por primeira vez tras a pandemia, seguida da Misa do domingo de Pascua, e ás 12.30 horas, celebraremos a sétima carreira popular a carón do río, que contará con máis de 300 participantes. Tamén nomearemos aos cabaleiros e damas que ingresan no Cabildo Xeral da Orde da Senerísima da Alquitara, e o pregón da cantante Lucía Pérez ás 14.00 horas. Todo isto, e moita festa para todos.
—Agardan a moitos visitantes?
—A verdade é que si. Eu penso que vai ser todo un éxito porque despois da pandemia estas festas aínda gañaron máis adeptos, e a climatoloxía parece ser que vai ser boa, polo que invita aínda máis a vir. Por se fouse pouco, tamén se celebra o domingo a feira mensual de Portomarín, así que parece que todo se puxo do noso lado.
—Como vai a ocupación hosteleira?
—A tope. Estamos completos xa dende o luns, non hai ningunha praza libre. Ao recibir a tantos peregrinos, e unir agora a Semana Santa e a Festa do Augardente tivemos que abrir o albergue municipal para dar servizo aos visitantes. Esta Semana Santa están quedando a durmir diariamente máis de 2.000 persoas en Portomarín, sen contar aos veciños.
—Ademais do augardente, que máis produtos gastronómicos poderán degustar os participantes ao evento este domingo?
—Haberá todo tipo de produtos gastronómicos propios da feira do mes, pero destacaremos esencialmente a nosa famosa anguía. Faremos unha degustación popular repartindo empanada de anguía para que a xente goce dun bo día con boa gastronomía. Os que non viñeron nunca teñen que probar os nosos produtos, e o resto, repetir. O ambiente é inmellorable, e nós intentaremos cumprir as expectativas de todos.