
O Concello celebrará o primeiro Festival de Maxia Internacional o 24, 25 e 26 de marzo, que traerá a magos de todo o mundo, para homenaxear a figura do portomariñense
14 mar 2023 . Actualizado a las 19:57 h.O Concello de Portomarín celebrará os próximos 24, 25 e 26 de marzo o primeiro Festival Internacional de Maxia no concello en homenaxe ao Conde de Waldemar, un dos magos máis relevantes do século pasado non só en España, senón en todo o mundo, xa que que recorreu centos de teatros nun total de 69 países.
Manuel Rodríguez Saa, o verdadeiro nome do ilusionista, nace o 4 de maio de 1885 en Bagude, unha pequena parroquia do municipio de Portomarín. Segundo contan os seus familiares, era un home decidido, que dende ben xove emigrou á capital, onde estivo traballando un tempo como camareiro.
Pero el tiña claro que o seu futuro estaba no mundo da maxia, en especial a raíz da súa viaxe a París, onde se apuntou á Escola Máxica e onde comezou a formar parte da Academia de Hipnotizadores de Francia.
A pesar diso, e de non contar con ningún referente anterior, o portomariñense decidiu loitar polo seu soño, por iso viaxa en 1910 a Buenos Aires por amor, xa que alí se atopaba a súa querida veciña de Portomarín. A pesar do rechazo amoroso, o coñecido como Doutor Saa entre os seus veciños, fortaleceu a súa carreira no mundo da maxia en Arxentina.
Nese momento, o mago autoproclamouse como o Conde Waldemar, o que pasaría a ser o seu nome artístico e polo que foi recordado por moitos co paso dos anos.
Tempo despois regresa a París, a cidade que o viu nacer como mago. Pero o conde viaxaba con frecuencia para estender os seus trucos, que ían dende a especialidade do mentalismo ata a hipnose, por medio mundo.
O portomariñense era todo un visionario, xa que, para dar a coñecer os seus trucos, presentábase nas redaccións dos xornais e facía maxia en directo, para demostrarlles así aos xornalistas o seu talento, e que escribisen del.
Despois instalouse en Manila varios anos, onde viviu comodamente tras o seu matrimonio cunha aristócrata filipina. Pero, ao morrer a súa esposa, os seus herdeiros obrigáronlle a fuxir e, a finais dos anos sesenta, decidiu regresar á súa terra natal, aínda que todavía seguía realizado viaxes por traballo ao estranxeiro.
Despois de toda unha vida de trotamundos, o doutor Saa regresa de forma definitva a Portomarín en 1980, onde se reúne coa súa familia en Bagude, e onde falece o 5 de novembro de 1984, a punto de cumprir 100 anos.
Agora, os portomariñenses aínda recordan as súas historias, que foron transmitíndose de xeración en xeración.
Marcos Waldemar, o seu predecesor do século XXI
Marcos Gayoso, máis coñecido como Marcos Waldemar para o seu público, é o claro predecedor do Conde de Waldemar. Mago, portomariñense e descendente da familia de Manuel Rodríguez Saa.
«El morreu na casa dos meus avós cando o meu pai tiña 15 anos, e eu non o coñecín, pero el sempre estivo presente nas historias da miña familia, que foi a culpable de que eu comezase a interesarme polo mundo da maxia», explica Marcos, que leva practicando trucos dende os catro anos para meterse de cheo xa con 12.
«Non sorprendeu a ninguén a verdade, eu mamei o mundo da maxia dende que nacín», di convencido.
Agora, aos seus 26 anos, Marcos está especializado en maxia de preto e con cartas, aínda que realiza diferentes tipos de trucos. «Gústame explotar a miña creatividade, así que tamén levo os trucos ás redes e fago os meus vídeos», asegura.
O seu mestre foi o famoso mago Antón, que lle ensinou moito do que sabe hoxe en día. «Tiven o mellor dos mestres, pero, ao final, isto é unha cousa que depende de cada un, que lle aporta á maxia a súa personalidade», afirma o portomariñense.
«Eu actúo onde sexa, adáptome aos escenarios que me poñan diante. O que me gusta é que a xente se sorprenda e que goce dos espectáculos», sostén o mago.
Agora, Marcos Waldemar será un dos participantes no I Festival Internacional de Maxia Conde de Waldemar de Portomarín, onde actuará o venres 24 e o sábado 25 de marzo na súa vila natal. «Penso que vai se unha gran oportunidade para que a xente coñeza a figura de Manuel, un dos mellores magos do país», di.
A programación do I Festival Internacional de Maxia de Portomarín
O I Festival Internacional de Maxia Conde de Waldemar, que se enmarca dentro do programa Portomariñeando, un proxecto que recibiu unha subvención do ciclo Next Generation da Unión Europea de Agadic, terá lugar o 24, o 25 e o 26 deste mes na Praza do Concello de Portomarín.
Venres 24: ás 11.00 horas terá lugar a actuación de Nacho Smaena e Marcos Waldemar no colexio CEIP Virxe da Luz. E, a partir das 18.00 horas, celebrarase o acto inaugural da sala de lectura na praza da vila.
Sábado 25: ás 11.00 haberá un espectáculo de maxia polos albergues da vila con Marcos Waldemar, Nacho Samena, David Maestro e Fernando Moreno. Ás 17.00 celebrarase unha gala de magos no Pazo Xeral Paredes con David Mestro, Nacho Samenta e Román García. A partir das 20.00 haberá outra gala con Javi Benítez, Bruno Tarnecci, Román García e Marcos Waldemar. Tamén haberá unha gala de maxia clandestina no resturante O Mirador ás 00.00.
Domingo 26: Ás 11.00 haberá un obradoiro de maxia con Fernando Moreno na Casa da Cultura e, ás 12.00, unha conferencia para magos de Javi Benítez. Ás 12.30 un espectáculo de maxia infantil co Mago Paco e unha gran gala final na Praza do Camiño ás 20.00.