«Síntome un gandeiro que xoga ao fútbol, non un futbolista gandeiro»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PaLACIOS LUGO / LA VOZ

PORTOMARÍN

Arias di que ten bos recordos da xente coa que xogou e contra a que xogou
Arias di que ten bos recordos da xente coa que xogou e contra a que xogou OSCAR CELA

Sergio Arias recoñece que sempre puido compaxinar ben o traballo coa práctica deportiva

22 feb 2021 . Actualizado a las 22:49 h.

Sergio Arias coñece o campo e os campos. Na súa familia había unha explotación gandeira, na que sempre botou unha man. A afección ao fútbol levouno a xogar en varios equipos e a coñecer distintas categorías. Despois de pasar por categoría nacional, volveu ao Portomarín para continuar vencellado co fútbol; pero chegou a pandemia, as competicións inferiores interrompéronse e non hai data para volver xogar. El entende a situación e cre que a saúde é o primeiro sen ningunha dúbida. Di que agora, na explotación gandeira, é feliz, pero recoñece que tamén o foi xogando ao fútbol.

-Vostede comezou no fútbol nun sitio pequeno. Foille máis difícil?

-Cando comecei, no Portomarín non había categorías inferiores. Tiña que xogar xa, con dezaseis ou dezasete anos, contra homes, e non era nada doado. Iso faiche madurar rapidamente.

-Resultoulle difícil compaxinar o traballo na explotación gandeira co deporte?

-Cando xogaba en equipos que non eran profesionais, non; máis ben resultou sinxelo. Tes un traballo e adéstraste polas tardes ou polas noites... Se hai alguén que faga o traballo neses momentos, non ten por que supoñer un problema.

-Que tivo máis importancia para vostede mentres xogaba ao fútbol, o traballo ou a traxectoria deportiva?

-O traballo, sen dúbida. Para ser un auténtico profesional do fútbol, hai que ser bo xogador e hai que ter sorte: hai que ter padriños, algo que tamén é importante.

-Que foi ou que é aínda, un gandeiro futbolista ou un futbolista que tamén se dedica á gandaría?

-Síntome máis ben un gandeiro que xoga ao fútbol, non un futbolista gandeiro.

-Cando se fala de oficios de xente que xoga ao fútbol, o de gandeiro non é dos habituais. Sentía que o vían como se fose raro?

-Non. A xente coa que te xuntas e coa que xogas ao fútbol ten outros traballos. Cada un gaña a vida como pode.

-Que vale máis, o traballo de gandeiro como aprendizaxe para o fútbol ou o fútbol como aprendizaxe para ser gandeiro?

-Creo que o traballo na explotación serve para máis, sen dúbida. Anos despois, dáste conta de que no deporte hai moitos intereses e de que non paga a pena o esforzo que fas. No fútbol case non es ninguén: dependes do que digan o adestrador, o director deportivo ou mesmo. ás veces, o presidente.

-Notou algunha vez que o traballo na explotación o deixaba canso para os adestramentos?

-Non. Todo é compatible. As explotacións están hoxe mecanizadas e robotizadas, e os traballos máis duros xa son sempre feitos por algunha máquina.

-Paga a pena todo o esforzo que se fai para chegar a ser futbolista?

-Si. Paga a pena, porque gozas co que che gusta, que neste caso é xogar ao fútbol. Cando pasa todo, quédanche os bos recordos dos futbolistas cos que xogaches e dos futbolistas contra os que xogaches. O fútbol gustoume dende moi novo. Toda a miña familia me apoiou para que xogase; ninguén me puxo impedimentos.

-Cando se fala dos problemas do campo e ve todo o diñeiro que se move no fútbol de alto nivel, que pensa?

-Ves o mundo da Primeira División e case parece un chiste. Co momento que vive o mundo...

 

«Dáse prioridade aos xogadores de fóra, están mellor valorados»

 Aínda que nunca esqueceu nin abandonou o traballo na granxa, o fútbol deixou pegada en Sergio Arias. Ese tempo pasado con outra xente en adestramentos, en viaxes e en partidos fai que os compañeiros acaben sendo amigos. «Temos grupos de WhatsApp», di para explicar a relación que mantén con xente coa que xogou.

-O CD Lugo leva anos en Segunda División. Aguantará algún tempo máis?

-Creo que si. Este ano, polo menos, si.

-Gustaríalle que houbese máis rapaces da canteira no primeiro equipo?

-Hai que ter en conta que o Lugo está en Segunda División, e o filial [o Polvorín Lugo B], en Terceira. Pode haber oportunidades para algún futbolista, pero é complicado.

-Están os rapaces da casa tan valorados coma os de fóra?

-Non. Dáse prioridade aos de fóra, están mellor valorados. Hai na casa rapaces que poderían facelo igual ca os de fóra.

 

Satisfeito de ter atopado xente boa onde xogou

Arias xogou en distintos equipos e sabe que cada un ten os seus criterios e os seus gustos: «Uns xogan máis o balón, outros buscan máis o resultado», di. Pero hai un punto de encontro: «Nunha porcentaxe moi alta, en todos os equipos nos que estiven atopei xente boa», comenta. O que tamén recoñece é que algúns equipos teñen ideas que se afastan das doutros. Ese pode ser o perfil do Racing Vilalbés, no que o traballo coas categorías inferiores e a aposta por rapaces da canteira é firme dende hai anos. «Con partidos, todo o mundo é mellor. Os novos valen perfectamente», di.

 

Orixe.

Sergio Arias naceu en Portomarín en 1985. Comezou no fútbol xogando no equipo do seu concello. Logo fichou polo Monterroso.

Traxectoria.

O CD Lugo, o Racing de Ferrol, As Pontes e o Racing Vilalbés foron os seus seguintes equipos.

 Evolución.

Ten unha explotación gandeira en Gonzar (Portomarín).