Os socialistas de Portomarín denuncian o abandono do parque infantil

La Voz LUGO

PORTOMARÍN

Deficiencias no parque infantil de Portomarín
Deficiencias no parque infantil de Portomarín CEDIDA

Consideran que o espazo, ubicado no Campo da Festa, incumpre a normativa de uso

28 jul 2020 . Actualizado a las 12:51 h.

A voceira socialista de Portomarín, Silvia Rodríguez, advertiu onte que o parque infantil, situado no Campo da Festa, incumpre todas as normativas de uso da lexislación autonómica. Entre elas, considera «especialmente grave o incumprimento da lei de accesibilidade da Xunta».

«Todos os elementos do parque infantil atópanse nun estado lamentable, hai unha evidente falta de limpeza e de mantemento, e os xogos están cheos de roturas que poden ser moi perigosas para os seus usuarios, xa que conteñen aristas e astillas. Ademais tampouco se están realizando as desinfeccións de prevención que marca a normativa tralo covid-19», denunciou.

Lavado de cara

Así as cousas, Rodríguez emprazou ao rexedor «a que acondicione este espazo de xeito urxente con tódalas garantías de seguridade, e que exerza as súas competencias para darlle un bo lavado de cara, que substitúa as pezas rotas do único parque infantil de Portomarín e que respete e cumpra a lexislación vixente en materia de parques infantis e en materia de accesibilidade», explicou.

A voceira lembrou que dende fai máis de ano e medio advertiu no pleno do Concello desta situación de degradación da situación do parque infantil, «pero que só obtivemos a calada por resposta porque a este goberno do PP ten máis interese en montar unha pista de pádel de 27.000 euros que no benestar dos nosos nenos e nenas».

Nesa liña avanzou que o «grupo socialista rexistrará outra proposta no Concello para que dunha vez por todas o goberno do PP de Portomarín exerza as súas competencias», resumiu.