«Pelexamos co minifundio, que é unha materia pendente»

x.m.p. LUGO / LA VOZ

PORTOMARÍN

Gandeiros de tres parroquias de Portomarín levan máis de 20 anos compartindo maquinaria

02 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Vilaxuste foi o nome elixido, a finais dos noventa, por seis explotacións gandeiras do concello de Portomarín para o parque de maquinaria que daquela decidiron crear. Os gandeiros eran desa parroquia e doutras dúas, Recelle e Vedro. Dende entón comparten maquinaria. As explotacións, todas de produción leiteira, teñen en total unhas 1.700 cabezas de gando. O que non hai é unha estrutura teritorial axeitada. Nas parroquias falta a concentración parcelaria, como explica o presidente de Vilaxuste, Xosé Pérez. «Seguimos pelexando co minifundio, que é unha materia pendente», di.

De todos os xeitos, a creación do parque de maquinaria supuxo para os promotores unhas vantaxes que aínda se conservan. Coa maquinaria trabállase nunhas 500 hectáreas de terreo, propias e alugadas: unhas 300 están dedicadas a millo, e as outras, a raigrás. «Unha explotación por si soa non pode ter certos servizos. É imposible. Non sería viable», comenta Pérez.

Unha cuestión que tamén axuda a entender o éxito acadado pola iniciativa destes gandeiros é que teñen recibido consultas doutros, interesados en participar con eles neste proxecto. A posibilidade non se vai concretar a curto prazo, pero tampouco se rexeita para o futuro, di Pérez. A cooperativa ten persoal, cinco traballadores de maneira estable, que se dedica ao uso da maquinaria e á contabilidade.

Por outra banda, os que forman parte de Vilaxuste teñen, como recoñece o presidente, a sorte de evitar preocupacións porque coa maquinaria compartida fanse traballos que non cómpre contratar en solitario. Pero os gandeiros tamén dirixen as inquietudes máis aló das súas explotacións: Pérez cre que no monte en man común hai terreo que debera empregarse para usos agrarios e gandeiros sen esquecer o forestal. «Así, realmente faríase algo que sería viable», afirma.