Un lugar que busca medrar

Xaime López Arias SARRIA

PORTOMARÍN

ÓSCAR CELA

Crónica | Evolución histórica do Concello do Páramo O municipio está dotado de identidade administrativa propia dende 1820 e pertence á comarca de Sarria desde a súa fundación con carácter constitucional

19 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

As terras que están dentro do actual Concello do Páramo, no período suevo formaban parte do Condado Paramense que ía dende o treito final do río Neira, onde recollen as augas do Sarria, Miño abaixo ata Os Peares e polo Sil ata a Barca de Pombeiro. E polo leste ía a estrema por Pena Aguiar, Monte Maside, Froián, Monte Agudo, Vilachá de Salvador, Baamorto e Castro da Guítara, separando este condado do Sarriense. Na Idade Media, a maior parte das parroquias, agás Villafiz e Santa María Madalena de Moscán, caerán baixo a dominación da Encomenda de Portomarín (orde militar dos freires de San Xoán), estando algúns pequenos lugares en mans do bispo de Lugo ou de familias fidalgas. Tal era o caso de varias aldeas de Vilarmoseiro, Saa ou Trebolle. Os castelos de Pena Aguiar ou do Mariscal, A Barreira, Beleigán... defendían o camiño de Lugo a Monforte de Lemos por Goián, que na Ponte de Neira tiña un destacado lugar de paso, que nos remite á vía romana de Lugo, á terra dos Lemavos. Señorío Ademais das parroquias integradas na Encomenda de Portomarín, en moitos documentos hai referencias ao Concello do Páramo, que era de señorío particular dos señores de Trebolle, con casa na vila de Sarria, onde varios dos seus membros foron correxedores. En 1820 creouse o concello constitucional do Páramo que, o mesmo que o de San Xoán de Portomarín, pasou a formar parte do partido de Lugo. En 1822 a Deputación de Lugo redactou un proxecto de creación de novos partidos quedando para o de Sarria as terras da banda esquerda do río Neira, mais como esta división non chegou a ser efectiva, non será ata 1840 cando de maneira definitiva se consoliden o concello e alcaldía do Páramo, habendo algunhas mudanzas de parroquias con relación a Guntín e Portomarín. Tal foi, por exemplo, o caso de San Vicenzo de Gondrame. Integrado no partido de Sarria, o Concello do Páramo aparece formado polas parroquias de Santa Mariña de Adai, San Xián de Friolfe, Santa María de Gondrame, San Vicenzo de Gondrame, Santo Estevo de Grallás, Santa María Madalena de Moscán, Santa Cruz de Moscán (hoxe suprimida como parroquia), Santa María de Neira, San Salvador de Piñeiro do Páramo (capital), Santa María de Riascos, San Mamede da Ribeira (Santo André), Santiago de Ribas de Miño, Santiago de Saa do Páramo, San Martiño da Torre, Santa Cruz de Vilasante, Santa Eufemia de Vilarmosteiro, San Salvador de Villeiriz e Santa María de Vilafiz. Con anterioridade á formación definitiva do concello houbera unha parroquia chamada San Pedro de Santa Comba, suxeita a esta alcaldía. Consolidación Consolidado o concello, ao se abrir a estrada de Nadela a Valdeorras, que supuxo o establecemento dun novo xeito de se dirixir a Monforte, o camiño vello de Lugo pola ponte de Neira (camiño de correos e traxinantes e de arrieiros que levaban o viño de Valdeorras ata A Coruña) quedou ferido de morte, e por décadas o territorio do Páramo quedou limitado a se servir de camiños marxinais e pouco aptos, razón pola que non houbo lugar ningún capaz de se erixir en capitalidade. O feito da polarización arredor da antiga vila dominante (Portomarín) e a consolidación en 1880 da estación de ferrocarril da Pobra de San Xiao, xunto cun manexo caciquil da institución municipal -de maneira que cada alcalde levaba, pouco menos que para a súa casa o consistorio-, fixo que non se formase unha localidade como capital con sede do concello e do xulgado de paz. E ata a existencia formal dunha pretendida notaría do Páramo, subsistente ata arredor de 1969, levou a que os notarios que se asentasen na Pobra (Láncara), na procura de comodidade e mesmo de acolllida en edificación normal.