Un Festival do Vento de papaventos e trebellos para recibir a eclipse en Pol: «Queremos construír ao aire libre un museo de monumentos ao vento»

Laura López LUGO / LA VOZ

POL

Lourdes Abuide, en Casa Chaín, en Pol
Lourdes Abuide, en Casa Chaín, en Pol LAURA LEIRAS

Lourdes Abuide, de Casa Chaín, na aldea de Cirio, organiza unha xornada de ciencia, cultura e ocio para toda a familia o 12 de agosto: «As iniciativas culturais no rural non solo son cultura, tamén son lugares de encontro»

26 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Un Festival do Vento de trebellos, papaventos e tarabelas con debuxos en forma de caligramas dará a benvida á eclipse do 12 de agosto en Pol. Esta primeira edición dunha iniciativa que nace con vocación de continuidade terá lugar na aldea de Cirio, concretamente, en Casa Chaín, que xestiona Lourdes Abuide e que leva case cinco anos revitalizando con ocio, cultura e tradición a vida no rural lucense. A actividade será unha xornada completa pensada para toda a familia con ciencia, gastronomía, cultura e ocio. Haberá charlas científicas, obradoiros de trebellos de vento, música e ata un concurso de «cometas literarias». Para esta particular homenaxe ao vento e aos fenómenos atmosféricos, Casa Chaín conta tamén coa colaboración do Real Aeroclub de Lugo.

A idea desta iniciativa xurde a raíz da eclipse total de sol do próximo día 12: «Este é un sitio bastante ventado, así que xa tiña pensado organizar unha actividade anual arredor do vento. A miña idea é a de construír un museo ao aire libre con todo tipo de monumentos ao vento: molinillos, papaventos ou outro tipo de artefactos que se movan co vento», explica Lourdes Abuide. De xeito que este primeiro Festival do Vento servirá tamén para construír unha pita panadeira xigante que se mova co vento. O obradoiro de construción, aberto a maiores e pequenos, levarase a cabo o propio 12 de agosto, guiado por Trécola Produccións, e a construción permanecerá na contorna de Casa Chaín. «A idea é que cada ano se faga un novo monumento», sinala Lourdes.

A maiores, ata o xoves 30 está aberto o prazo para participar no concurso de papaventos, que se deberán enviar a Casa Chaín, onde se expoñerán o día 12. Haberá dous premios, un por cada categoría (xuvenil e adulto), que consisten nunha viaxe de media hora en avioneta desde o aeródromo de Rozas (a catro quilómetros de Casa Chaín) e unha visita ás instalacións coa explicación do funcionamento do centro.

Atardecer desde Casa Chaín
Atardecer desde Casa Chaín

Programa para o día 12

A xornada do 12 de agosto contará tamén cunha charla científica, ás 12.00 horas, a cargo de Elisabeth Novoa, física e divulgadora científica. Despois haberá un xantar con produtos da terra e, pola tarde, un obradoiro de trebellos de vento e a elaboración do artiluxio xigante que consiga movemento a través do aire, dirixido por Trécola Producións. Aderezarán o visionado da eclipse cunha taza de caldo da terra e despois tocará a quenda da música, da festa e dos xogos.

O programa, que aínda contará con máis sorpresas, pretende facer unha festa nun lugar privilexiado de observación da eclipse. A participación na xornada completa ten un custo de 35 euros. Por agora, hai unha vintena de persoas anotadas, pero aínda hai prazas dispoñibles.

A iniciativa enmárcase no proxecto de Casa Chaín de trasladar ao rural eventos que inclúan cultura, ciencia e ocio: «Cada vez hai máis iniciativas no rural e cada vez hai máis xente interesada. Eu creo que xa estamos nunha xeración de maiores que xa medraron co mundo do ocio. E agora a xente maior dos pobos si que ten esa inquietude de ocio», explica Lourdes. Por exemplo, en Casa Chaín contan cun Club de Lectura que reúne a 15 mulleres cada mes. «Creo que primeiro hai que poñer o xermolo do sitio ao que se pode ir, a oferta cultura, e despois a xente xa se suma. Porque as iniciativas culturais no rural non solo son cultura, tamén son lugares de encontro. Creo que cada vez hai máis demanda, pero porque tamén se están ofertando máis cousas no rural», continúa.

O Club de Lectura é unha das actividades que organiza Casa Chaín
O Club de Lectura é unha das actividades que organiza Casa Chaín

Ademais desta xornada arredor da eclipse, Casa Chaín organiza numerosas actividades ao longo do ano. Entre elas, cursos de pan e de empanada tradicional, de acuarela, cerámica, fotografía, elaboración de cookies, club de lectura...