Éxito de participación na Ancares Cycling Marathon

la voz LUGO

PEDRAFITA DO CEBREIRO

Os ciclistas percorren toda a mañá míticas montañas da comarca, con final no Cebreiro

08 ago 2021 . Actualizado a las 19:26 h.

Ata 490 persoas inscríbíronse para participar na primeira edición da Ancares Cycling Marathon, que se celebra este domingo desde as nove da mañá polas estradas da comarca co apoio da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Finalmente no pudieron tomar a saída figuras do pedal que anunciaran hai semanas a súa presenza, como Miguel Induráin e Carlos Sastre, pero si acudiron ciclistas como Delio Fernández e Iván Rabuñal, e referentes do deporte galego como o triatleta Iván Raña.

A proba cicloturista organizada polo Club Cidade de Lugo pasa polos concellos de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna. O 70 por cento das persoas inscritas son de Galicia, mais tamén se anotaron participantes de Asturias, Castela e León, Madrid, Cataluña ou Euskadi.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, subliñou a boa acollida que tivo a proba entre os afeccionados ao ciclismo e mostrouse convencido de que se trata dunha oportunidade única para proxectar a comarca dos Ancares como destino para o turismo deportivo. A proba servirá para que as persoas que disfrutan do ciclismo veñan non só este domingo senon o resto do ano.

Dous percorridos: 126 e 94 quilómetros

O percorrido deseñado para o Ancares Cycling Marathon está pensado para persoas afeccionadas ao ciclismo con certo nivel de adestramento previo, con dous percorridos alternativos con distintos niveis de esixencia.

A proba raíña será de 126 quilómetros, con inicio en Pedrafita do Cebreiro. Os participantes transitarán polos concellos das Nogais e Becerreá, onde se iniciará a ascensión do Alto dos Sete Carballos, de 1.320 metros de altitude, o máis elevado do percorrido e, sen dúbida, o de máis dureza, cun desnivel que alcanza por momentos o 11%.

A continuación, os participantes enfrontaranse ao Alto da Pitinidoira (1.216 m) e, posteriormente, ao Alto de Villasol (1.176m.), situado a só 16 quilómetros do final da proba. Un último esforzo levará de novo ao pelotón cara arriba, ao Alto do Cebreiro, desde Barxamaior (1.302m.), onde o final está previsto nas propias rúas do Cebreiro.

As persoas que optaron polo percorrido de medio fondo, de 94 quilómetros, ascenderán só os dous primeiros (Sete Carballos e A Pitinidoira) para, neste último e sen apenas baixada, dirixirse ade Pedrafita e acabar no Cebreiro pola súa vertente máis dócil.