Documentan as primeiras mámoas en Pedrafita

Suso Varela Pérez
suso varela LA VOZ / LUGO

PEDRAFITA DO CEBREIRO

Mámoa que foi atopada en Pedrafita do Cebreiro
Mámoa que foi atopada en Pedrafita do Cebreiro PATRIMONIO DOS ANCARES

Unha está en Pacio e a outra no monte Riba do Santo, no límite con Vega de Valcarce

17 sep 2020 . Actualizado a las 09:52 h.

Os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de documentar dúas mámoas no concello de Pedrafita do Cebreiro, unha no límite co Bierzo (León). 

A primeira, explican, foi no monte Riba do Santo, a 1.350 metros de altitude, xusto no límite entre a parroquia do Cebreiro e La Laguna, no concello berciano de Veiga de Valcarce. «De forma tirando a ovalada, ten unhas medidas de 15 por 12 metros, e unha altura de un metro. No centro óbservase un pequeno cráter de violación. Foi alterada por unha plantación de piñeiros. Ao atoparse entre dúas comunidades autónomas, a comunicación farémoslla tanto aos departamentos de Patrimonio de Galicia como de León», explica o historiador Xabier Moure.

A segunda mámoa foi localizada na parroquia de Pacios, a 1.175 metros de altitude, no monte co evocativo nome de A Medorra, «clara alusión a un primitivo enterramento». Cuberta pola maleza, Moure sinala que ten uns 16 metros de diámetro e unha altura de 1,20 metros. Nun monte situado a uns 350 metros de distancia había outra mámoa que, debido aos labores agrícolas, desapareceu hai uns 70 anos.

No Inventario de bens culturais da Xunta de Galicia, expoñen desde o colectivo, figura catalogada unha mámoa no monte da Medorra, en Rubiais, na parroquia de Zanfoga, «pero na actualidade non quedan evidencias, quizais o único resto sexa unha pedra que atopamos a uns 75 metros de distancia que puidera corresponder ao esteo dun posible dolmen pero, ao atoparse fóra dun contexto arqueolóxico claro, non podemos afirmalo con seguridade».

Polo tanto, serían as primeiras mámoas das que se conservan restos no concello de Pedrafita do Cebreiro. A antigüidade destes enterramentos ronda os 6.000 anos.