Patrimonio dos Ancares documenta un novo castro en Pedrafita do Cebreiro

Miriam García
M. G. LUGO / LA VOZ

PEDRAFITA DO CEBREIRO

PATRIMONIO DOS ANCARES

Ten forma ovalada, cunhas medidas aproximadas de 115 por 75 metros e está protexido polo regueiro da Groiva

09 ene 2020 . Actualizado a las 13:16 h.

O colectivo Patrimonio dos Ancaares documenta un novo castro no concello de Pedrafita do Cebreiro. A súa localización produciuse grazas á etimóloga Dolores González, que informou da existencia do microtopónimo O Castrillón, entre as aldeas de Padornelo e Sabugos. Está situado a unha altitude de 1.230 metros, e a uns 350 metros do Camiño Francés de Santiago. 

Dende o lugar, Patrimonio dos Ancares comprobou que se trata dun castro de forma ovalada cunhas medidas aproximadas de 115 por 75 metros, protexido polo norte polo regueiro da Grovia e polo sur-este por potentes terrapléns e o pronunciado desnivel do terreo. Pola cara oeste, debido a que o asentamento foi utilizado para os labores agrícolas, perdeu parte do sistema defensivo.

Este castro do Castrillón é o situado máis ao norte do municipio. A pouco máis de 200 metros está o topónimo O Tombelo. Aínda que non se atoparon restos, no sitio había dúas mámoas que foron destruídas ao facer un tendido eléctrico de alta tensión e polos labores agrícolas.

Ata o presente, no concello de Pedrafita do Cebreiro estaban recollidos, tanto por Patrimonio da Xunta de Galicia como no PXOM do Concello, un total de nove castros.

Patrimonio dos Ancares xa avisou ao Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura para que procedan á catalogación do castro.