O 3 de novembro haberá unha xornada de sendeirismo polo Camiño Real do Courel

quiroga / la voz

PEDRAFITA DO CEBREIRO

16 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación cultural Fonte do Milagro organizará o 3 de novembro unha marcha de sendeirismo pola Serra do Courel que discorrerá en boa parte polo chamado camiño dos Calangros, un itinerario tradicional que este mesmo colectivo acondicionou a principios da pasada década. O percorrido encádrase na denominadas Rutas do Magosto, que esta asociación acostuma organizar en outono para dar a coñecer lugares de especial interese natural e paisaxístico da zona.

A marcha comezará na ponte de Baldomir, á beira do Lor, onde os participantes se concentrarán ás once da mañá. O traxecto ten unha lonxitude de 8,5 quilómetros e pasará primeiramente pola zona da Campa. Máis adiante entra no sendeiros dos Calangros, que os organizadores comparan coa coñecida ruta do río Cares, nos Picos de Europa, «polo trazado aberto na rocha e cunha parede case en vertical de máis de cen metros ata o río».

Xantar en Vilar

O programa da xornada comprende unha parada para comer na aldea de Vilar. Se as condicións meterolóxicas o permiten, haberá un magosto no campo da festa da localidade. A marcha continuará despois en dirección ao Castro Grande e terminará en Froxán. A duración estimada da camiñada será de en torno a catro horas.

Esta ruta forma parte do antigo Camiño Real do Courel, un itinerario de 54 quilómetros que vai desde Augas Mestas, en Quiroga, ata Zanfoga, no municipio de Pedrafita do Cebreiro. Entre os principais atractivos do itinerario destacan as paisaxes do val do Lor, o pequeno museo etnográfico de Vilar e a riqueza da vexetación, xa que o camiño discorre por unha zona de transición bioclimática onde se mesturan de forma moi patente a flora de tipo atlántico e a de tipo mediterráneo.

Aínda que ambas convocatorias se organizan de forma independente, o percorrido levarase a cabo na véspera da Festa da Castaña do Courel, que se celebrará o día 4 no Souto da Carroza, en Folgoso.