O rexedor pensa que hai mercado para máis queixerías

La Voz

PEDRAFITA DO CEBREIRO

20 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

? Para unha feira do queixo celebrar a vixésimo quinta edición é sinónimo de ter acadado a consolidación. Chegados a este punto, desde o Concello de Pedrafita, como organizadores desta cita, volven a vista atrás e lembran cando esta era unha feira pequeniña, á que acudían unhas poucas mulleres para vender queixos e outros produtos feitos na casa. Pola contra, na actualidade o recinto feiral xa se queda pequeno para acoller a todos os vendedores e os queixos que se poñen á venda esgótanse enseguida, ata o punto de que algúns produtores xa os venden incluso antes da feira polo que xa non precisan acudir a esta gran cita anual en Pedrafita do Cebreiro.

Que dúas novas industrias se incorporasen nos últimos meses a esta denominación é visto polo rexedor de Pedrafita como unha boa nova para o sector. José Luis Raposo vai incluso máis alá ao afirmar que «hai mercado para máis queixerías» porque hoxe este queixo «quítancho das mans» e cada vez son máis as persoas que aproveitan a feira para vir a probalo e despois seguen mercando o produto en supermercados e tendas.