Paradela

Xulio Xiz TRIBUNA

PARADELA

12 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Celebra Paradela o bicentenario como Concello, con retraso por mor do Covid, acaendo ben neste Xacobeo prolongado por ser Paradela fito no Camiño Francés. Por iso erixiu a estatua obra de Cándido Pazos, dun Cabaleiro de Santiago, Orde defensora do Camiño e dos peregrinos, que naceu no antigo mosteiro paradelense de Loio.

O bicentenario poden celebralo os concellos que naceron ao abeiro das Cortes de Cádiz e da Constitución de 1812, que estableceu o sufraxio universal, aboliu a inquisición e fixo nacer o Novo Réxime.

Paradela tiña claro que unha data así tiña que celebrala con brillantez e ofrece en seis meses tres exposicións, cinco libros, catro monografías, un monumento, un monolito e moitos outros actos entre os que destacan a recuperación de romarías históricas e homenaxes aos maiores, aos peregrinos e aos músicos cun encontro de bandas entre a de Paradela (cumpre 149 anos) e “Sons e Soños” de Begonte, Rábade, Outeiro de Rei e Friol.

Destaca a exposición “Do tempo das luces”, con 32 paneis de fotos antigas de xentes de Paradela, subliñando que naqueles anos do século XIX naceu a fotografía, a luz fixo posible plasmar nun soporte físico as imaxes da vida que pasa arredor de nós e ao tempo os pobos, gobernándose a si mesmos, comezaron un tempo de luz para a vida colectiva. Que logo houbera claroscuros non fai máis que poñer de manifesto o avance que supuxo daquela que os votos da cidadanía marcasen o rumbo dos concellos.

Paradela festexa o inicio do seu “tempo das luces”, e as fotos lembran que a luz e a liberdade son elementos esenciais para a vida da sociedade