A Deputación de Lugo adxudica por 455.000 euros a mellora de tres vías que unen Paradela con Currelos

la voz LUGO

PARADELA

Vista de Aldosende, en Paradela
Vista de Aldosende, en Paradela CARLOS CORTES

Os traballos incluirán reformas en 12 quilómetros de estradas provinciais

12 mar 2021 . Actualizado a las 12:23 h.

A xunta de goberno da Deputación aprobou a adxudicación por máis de 455.000 euros das obras de mellora e renovación do firme de tres estradas provinciais que conectan o concello de Paradela co núcleo de Currelos, no municipio do Saviñao. O presidente da Deputación, José Tomé, subliña que con este proxecto, que contempla obras en máis de 12 quilómetros das estradas LU-P-4201, LU-P-4205 e LU-P-5818, a Deputación completa o acondicionamento das conexións entre Paradela e Currelos, logo de que a institución provincial actuara recentemente no tramo que une Escairón e Currelos. 

No caso da LU-P-4201, que une Pacios con Mosteirovello, arranxarase en tres treitos, que suman un total de case 2,5 quilómetros: o primeiro tramo vai dende o punto quilométrico 0 ata o 1,235; o segundo, dende o 1,405 ao 1,810; e o terceiro, do 3,435 ó 4,200. Esta é unha estrada que vertebra parte do municipio, dando servizo a unha zona importante da poboación de Paradela. 

Na LU-P-4205, que une os núcleos de Aldosende e Foilebar, pasando por Feasita, mellorarase un treito da vía de máis de 3 quilómetros e medio, dende o punto quilométrico 2,331 ao 5,924. 

A terceira vía que se vai arranxar en Paradela é a LU-P-5818. Os traballos acometeranse dende a intersección coa estrada provincial LU-P-4202 ata o núcleo de Vila. Esta estrada dá servizo a moitas parroquias e núcleos que concentran bastante poboación como son Valmigallo, Vilacaíz, Carballós e O Amedo.

O presidente socialista subliña que «a Deputación continúa sacando adiante proxectos e facéndoos realidade, o que dá mostra do importante ritmo de xestión que estamos desenvolvendo nun momento no que favorecer a economía da provincia é especialmente importante debido á crise provocada pola pandemia».  Ademais, sinalou que a obra pública tamén é importante para incentivar a actividade económica e axudar a manter ou crear emprego.

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén lle deu o visto bo ás bases xerais de oferta de emprego que regularán os procesos selectivos da Deputación de Lugo, co obxectivo de cubrir prazas vacantes do cadro de persoal funcionario e laboral fixo.