«Se algo me molesta, escríboo aínda que estea vendendo un suxeitador»

María Guntín
maría m. guntín LUGO / LA VOZ

PARADELA

OSCAR CELA

Esta muller natural de Paradela acaba de publicar o seu terceiro libro «Manchas de frío», unha serie de relatos

26 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sonia Arias é escritora. Leva 15 anos vivindo en Sarria, aínda que naceu en Bidul, Paradela, un lugar que non esquece por moito que pasen os anos. E así o amosa nos seus libros. Manchas de frío é o terceiro escrito que pare, e neste a súa infancia é algo indispensable. Pero os recordos tampouco pasan desapercibidos nos anteriores, e son unha parte indispensable da vida de Sonia.

-Que importancia teñen as raíces?

-Eu levo 15 anos en Sarria e son unha adicta a miña terra, Bidul, en Paradela; sempre é a base dun poema. En Manchas de frío é algo fundamental. Se algo podemos ter bonito na vida, é a nosa infancia.

-Sempre lle gustou escribir?

-Primeiro gustoume ler, e despois, escribir. Houbo un tempo no que pensaba que escribía cousas fóra do normal e incluso ocultábao. Daquelas, no colexio, non dabamos moita poesía. Agora encántanme os contos, os relatos e incluso os microcontos.

-A quen le?

-Encántame Jorge Luis Borges e tamén Julio Cortázar. Ademais, son fanática da literatura rusa. Leo variado e moito.

-Como foi o proceso de escritura deste libro que vén de presentar?

-Foi un ano de creación. Eu son unha persoa observadora, tiven unha infancia bonita e quería que os meus recordos estivesen pousados nalgures. Agora, vexo a infancia do meu fillo de catro anos e non ten nada que ver. Actualmente a sociedade é fría, calculadora e bastante máis egoísta ca antes.

OSCAR CELA

-Vostede ten unha mercería.

-Eu non deixaría de traballar aquí por facelo nunha libraría. Pero ademais da parte laboral precisamos ter inquietudes. Eu quero mostrar con que estou de acordo e con que non. Ao mellor necesito ese contraste que forman a mercería e os libros.

-Cando comezou toda esta revolución interior que describe?

-Ao morrer meu pai revolvéuseme todo. Vin o mundo no que estaba e compareino co que me quedaba, cheo de valentía, dor e medo. As inxustizas da vida fixéronme estoupar. Entón, comecei a escribir raro, dándome igual o que pensasen ou dixesen de min. Nada me importaba porque perdín o máis importante da miña vida. Eu son sutil, pero non me corto con nada.

-Cando escribe?

-Se algo me molesta moito, escríboo aínda que estea vendendo un suxeitador. Outras veces, céntrome en facelo pola noite, que é cando teño tempo. Do primeiro libro tamén saíron páxinas escritas na mercería, e daquelas acababa de ter ao meu pequeno. Ademais, noto unha madurez distinta dende entón.

-Que lle provoca o proceso de escritura?

-Ás veces cústame desenvolver certos sentimentos porque non quero que a xente chore e co libro anterior choraron e moito. Non é a primeira vez que esperto ás tres da mañá e me levanto para plasmar algunha idea. Eu creo que un escritor non dorme nunca a gusto porque ten unha mente inquieta. En Manchas de frío todo está moi enlazado. Ao final fago un resumo da miña vida cunha tapadeira que é a voda da miña irmá. Todo ten un porqué neste libro.

-Que proxectos ten de futuro?

-O ano que vén saco o primeiro libro en galego, e xa teño o título. Son cousas que teño dentro e que vou sacando. Ademais, dedícolle tempo a ler, e podo devorar ata tres exemplares nunha semana.