Máis de 7.000 quilómetros en busca dos 162 cruceiros da Ribeira Sacra

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

PARADELA

Fernando Arribas

O lucense Fernando Arribas conclúe, logo de tres años de traballo, o inventario destes monumentos na zona sur de Lugo

05 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sete mil cincocentos quilómetros percorridos, tres anos de traballo e algún que outro susto provocado por cans rurais aos que parece que non lles gustan os investigadores... Sen ningunha dentada, aínda que con algún susto, o investigador lucense Fernando Arribas rematou o traballo de inventariar os cruceiros da Ribeira Sacra. Aínda sendo esta unha das zonas de maior interese de Galicia e tamén de España, non se coñecía moito sobre eses pequenos monumentos colocados, moitas veces, nos cruzamentos dos camiños para invocar a protección dos santos.

Arribas censou 162 cruceiros o que fai que esta comarca sexa a máis rica da provincia, logo da Terra Chá, neste tipo de elementos do traballo popular. «A cronoloxía destes monumentos vai dende os séculos XV e XVI ata o XXI, proba evidente de que esta arte aínda segue viva», expresa o autor do traballo.

O investigador fixo máis de 4.000 fotografías para recoller hasta os mínimos detalles de cada cruceiro, cruz e peto de ánimas. Todo este material pasa a agrandar os fondos que xa ten sobre os cruceiros da comarca da Terra Chá, Lugo, diversas partes de España e tamén doutras de Europa, como, por exemplo, a Bretaña francesa.

Grande patrimonio

«A Ribeira Sacra é algo máis que románico, paisaxe e viño. A comarca posúe un patrimonio etnográfico importantísimo entre o que destacan especialmente os cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas, monumentos aos que, lamentablemente, non se lles presta a atención que merecen», di Arribas Arias.

Para o traballo, percorreu cada unha das parroquias de 12 concellos: Carballedo, Chantada, Monforte, Pantón, Paradela, Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Saviñao, Sober e Taboada. Foron 7.500 quilómetro, tomando sempre Lugo como punto de partida, xa que é nesta cidade na que reside o autor que levou a cabo o reconto en fins de semana e vacacións, centrando o traballo nos meses de verán dadas as mellores condicións para a realización do traballo de campo.

Rematada a tarefa de inventariar, o autor asegura que o seguinte paso é levar a cabo a fase de catalogación que consiste nun estudo máis detallado de cada cruceiro, «buscando paralelismos con outros da zona e doutros lugares». Algúns destes inventarios, como é o caso dos concellos de Sober, Carballedo e Chantada, xa están publicados nas actas dos últimos congresos galegos de cruceiros.

O informe reflicte, entre outros datos, que o cruceiro máis antigo da provincia está en San Vicente de Castillón, no concello de Pantón. «É o máis veterano dos que teñen data na provincia de Lugo, xa que foi realizado no ano 1610. Destaca polo seu repertorio iconográfico e epigráfico. Singular, e tamén un pouco enigmático, é o fermoso cruceiro de Vilar de Ortelle», apunta Arribas.

O investigador e historiador recorda que algún deles, como é o caso do de San Miguel, en Paradela, foi motivo dun selo de correos con motivo dunha serie sobre o Camiño de Santiago.