«Vai ser necesario un programa de formación específico e cualificado»
O catedrático lucense, como docente en titulacións agroforestais do campus de Lugo, considera que a proposta que presenta Altri e, como espera, todo o entramado empresarial e de innovación que se poda montar na súa contorna, vai ter que contar con persoal cualificado. Por iso, Manuel Marey afirma que vai a ser necesario que se faga un plan de formación específico para traballar en todos os campos.
—Estamos a falar dun plan industrial a longo prazo que vai a demandar dun programa de formación durante varios anos. Aínda así, asentándose en Palas, Altri vai ter a vantaxe de que non vai a ter competencia laboral con outras empresas (en referencia ás fábricas de Ence en Marín ou en Navia, que quedarían máis lonxe).
—Pasa a ser a referencia en varios quilómetros.
—Exacto. Altri chega a un sitio e marca a referencia laboral, con traballos de tipo industrial e as súas remuneracións. Se se asentase nunha zona xa industrializada tería que competir con outras industrias. Na planta de Palas fálase duns 2.500 empregos directos e indirectos. Non sei se serán tantos, pero seguro que vai haber abundante emprego e non hai moitas oportunidades de que esa zona poda ter un proxecto deste impacto social e económico.
—Pero tamén influirá en todos os procesos forestais de Galicia.
—Entendo que na Mariña houbese expectativas e agora haxa descontento, pero calquera noticia que supoña pechar todo o ciclo da madeira en Galicia é beneficioso para todos. Por iso tamén é necesario que Altri poda ter flexibilidade para poder expandirse nos vindeiros anos. E que somos potencia forestal e hai que darse conta que o día que Altri abra a porta, xa lle entra materia prima, como por exemplo, a que hai na Mariña.