Pablo Taboada: «Os políticos somos demasiado vulnerables ás denuncias»

Carlos Cortés
Carlos Cortés LUGO / LA VOZ

PALAS DE REI

ÓSCAR CELA

Tras a anulación da súa condena de inhabilitación, o alcalde de Palas de Rei é libre de optar á reelección

11 ene 2019 . Actualizado a las 08:18 h.

Aliviado e satisfeito. Así se sente o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, despois da sentenza do Tribunal Supremo que o absolve de prevaricación e acoso laboral. Apartado do PP por vontade propia desde que o ano pasado foi condenado en primeira instancia pola Audiencia de Lugo, agora ten nas súas mans a decisión de volver ao partido e optar á reelección. Non se lle ve remiso, pero asegura que aínda o ten que estudar coa súa familia.

-Agardaba realmente unha absolución en Madrid logo da condena en Lugo?

-Si. Igual era o único que contaba con iso, pero si. Tiña claro que nin eu nin os meus compañeiros de corporación e os funcionarios tamén acusados fixeramos absolutamente nada ilegal. Limitámonos a tratar de limar as posibles asperezas que puidese haber. Estou aliviado e satisfeito, porque non é que a sentenza do Supremo diga que a nosa actuación non foi correcta, é que di que foi perfecta. O dano político non o vou cuantificar, pero o dano moral foi enorme. Foron anos moi difíciles para todos nós por culpa dunha denuncia feita con intención de nos prexudicar a todos, e a min especificamente, nas eleccións do 2011 e do 2015.

-Como é o ambiente no Concello?

-Pois hai satisfacción entre os funcionarios que estaban acusados, que agora ven que se limpa o seu nome.

-E coa secretaria municipal, que foi quen presentou a denuncia?

-Esa funcionaria está de baixa neste momento, unha baixa por saúde.

-Canto tempo leva de baixa?

-Penso que esa información non debo dala.

-Apetécelle seguir como alcalde?

-Créame que iso case é o que menos me preocupa neste momento. Non temos tomada ningunha decisión aínda, nin eu nin os meus compañeiros do grupo municipal. Tanto eles coma min temos que estar un pouco coas nosas familias e ver os pros e os contras de seguir na vida pública, porque ao final os que nos dedicamos a isto somos demasiado vulnerables. Imaxino que no mes de febreiro teremos unha decisión tomada.

-A presidenta provincial do PP, Elena Candia, mostrou xa a súa satisfacción pola súa absolución.

-Si, e eu agradézolle as súas palabras.

-Sentíronse algunha vez maltratados polo PP?

-Non, nunca. Nós démonos de baixa voluntaria e temporalmente.

-Dixo antes que os que se dedican á política son demasiado vulnerables.

-Os políticos somos demasiado vulnerables ás denuncias xudiciais.

-Sabe que probablemente non sexa esa a sensación maioritaria entre a cidadanía.

-Pois a sensación que eu teño como político é que calquera ao que non lle satisfagas as súas pretensións pode rapidamente presentar unha denuncia e, en función de como caia esa denuncia, podes ter un problema serio. Eu son un humilde alcalde dunha vila pequena, pero é que así é imposible gobernar. Nestes casos parece que é como botar unha moeda ao aire a ver se sae cara ou cruz. Que pasaría hoxe se no seu día chegamos a facer caso aos que pedían a nosa dimisión? Quen nos resarciría diso?